Friday 22 de November de 2024

O Concello de Lousame cubrirá a praza de Secretaría-Intervención a finais de setembro


 

A incorporación obrigou a atrasar a data da sesión plenaria ordinaria prevista para o 21 de setembro ata o 28 de setembro ou o 4 de outubro

O Concello de Lousame cubrirá neste mes de setembro a praza de Secretaría-Intervención, vacante dende hai máis de dous anos e que supuxo grandes complicacións administrativas para o municipio. Así o comunicou a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, durante a sesión plenaria extraordinaria e urxente celebrada na tarde de onte venres, na que asegurou que “se acaba así cunha situación anómala e complicada que non lle desexamos a ninguén. E imos ter unha excelente Secretaria-Interventora a tempo completo”.

A persoa gañadora do concurso ordinario de méritos convocado pola Dirección General de Administración Local foi Paula Ares Otero, que levaba un ano e oito meses ocupando o posto de Secretaría-Intervención do Concello de Lousame en réxime de acumulación. Teresa Villaverde volveu recoñecer que “cun réxime de acumulación é imposible funcionar nun posto clave para o funcionamento dun Concello como o de Secretaría-Intervención. Agradecemos o esforzo realizado pero necesitabamos unha persoa a tempo completo porque o traballo se acumulaba”. Bo exemplo desta afirmación é a elaboración dos orzamentos municipais, que mentres houbo secretaria-interventora se aprobaron todos no mes de novembro e que dende hai dous anos se aprobaron con case 10 meses de atraso.

Precisamente, a toma de posesión da nova secretaria-interventora foi a principal xustificación da convocatoria deste pleno extraordinario e urxente, xa que agora toque a formalización do nomeamento. Segundo explicou Villaverde Pais, a Dirección General de Administración Local agarda que a lista sexa publicada entre o 17 e o 28 de setembro, o que podería supoñer que o 21 de setembro, data de celebración da sesión ordinaria, non houbese secretaria-interventora na sesión: pois a actual ten que renunciar ao seu posto en réxime de acumulación e despois asumir o novo. Ante esta situación, o pleno aprobou por unanimidade trasladar a sesión plenaria ao venres 28 de setembro e, se non se tivera realizado a toma de posesión, ao venres 4 de outubro.

Resto da sesión

No que atinxe ao resto da orde do día, o pleno aprobou un recoñecemento especial de crédito de 3.043,39 euros para o pago de facturas pendentes e unha modificación orzamentaria, a través dun suplemento de crédito de 47.448,06 euros, para facer efectiva a adhesión do Concello de Lousame ao Plan de Aforro e Investimentos aprobado en decembro de 2017. Estes 47.448,06 euros destinaranse a amortizar débeda, polo que “finalmente o Concello de Lousame conta con débeda cero”, explicou Teresa Villaverde.

Ambos puntos foron aprobados cos 5 votos a favor do grupo de Goberno e as 4 abstencións do PSOE e do BNG. Por segunda vez, a concelleira electa polo Partido da Terra Lucía Rodríguez Cao non acudiu á toma de posesión do seu cargo, polo que este punto queda adiado ata a sesión plenaria ordinaria do mes de setembro.