Friday 22 de November de 2024

O alcalde de Frades entende a decisión do BNG de abandonar o pleno porque “dende marzo non se entregou ningunha acta das Comisións de Goberno a ningún grupo municipal”


Roberto Rey explica que se o PP non abandonou tamén a sesión foi porque “o Concello ten que seguir traballando e hai que adoptar acordos que non poden esperar”

A sesión plenaria ordinaria do mes de setembro en Frades estivo marcada pola decisión do grupo municipal do BNG de abandonar o pleno despois da aprobación da acta da sesión anterior e en protesta pola non entrega das actas das Comisións de Goberno celebradas no municipio dende o pasado mes de marzo, coincidindo co relevo producido no posto de Secretaría-Intervención. “Desde marzo non temos actas das Comisións de Goberno, non sabemos os acordos que se toman. E esas actas son fundamentais para o noso traballo como oposición”, lembrou o voceiro do BNG, José María Pérez.

Unha situación que foi recoñecida polo alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, quen indicou que “houbo oito Comisións de Goberno dende marzo, das que nin o BNG nin este equipo de Goberno ten as actas das mesmas”. Rey Martínez explicou: “paréceme ben a postura do BNG porque é certo: non hai ningún informe nin acta das Comisións de Goberno dende o mes de marzo, a pesar de que se solicitou todas as semanas á Secretaria-Interventora. Pero non temos constancia de que estean redactadas nin as actas nin os certificados”.

Medidas disciplinarias

Os nacionalistas presentaron hoxe por Rexistro unha nova petición para que se lles entreguen todas as actas pendentes, reiterando o escrito presentado o pasado 27 de xuño. “Nos once anos que levo aquí nunca pasara tal cousa”, recoñeceu José María Pérez, quen instou ao alcalde a que “se algún funcionario ou funcionaria non cumpre, tome medidas paralizadas pero non podemos ter un Concello paralizado”.

O alcalde de Frades indicou que “o Concello está funcionando grazas ao traballo do resto do persoal e do equipo de Goberno” e sinalou que xa están en marcha distintas iniciativas para solucionar a problemática. “Houbo avances nestes últimos días”, apuntou Rey Martínez, quen instou aos presentes a “dar dúas ou tres semanas para ver como se resolven e, se non se avanza, tomaremos as medidas oportunas, falando coa oposición por se as queren tomar en conxunto”.

Finalmente, o voceiro do BNG instou aos concelleiros do PP a “abandonar o pleno tamén, para que se suspenda e volva a convocarse”, como xeito de chamar a atención mediática e das distintas Administracións para solucionar a problemática da Secretaría-Intervención de Frades e evitar “que as administracións se pasen a pelota unhas ás outras”. Un punto no que o alcalde fradense estivo en desacordo xa que “o Concello ten que seguir traballando e hai que adoptar acordos que non poden esperar”.

Acordos plenarios

Entre eses acordos figuraba un suplemento e modificación de créditos para reinvestir no municipio 218.000 euros procedentes do Remanente de Tesourería (135.000 euros) e de baixas doutras partidas do orzamento actual (83.000 euros). Uns cartos que serán reinvestidos en actuacións tan importantes para a veciñanza como o a achega municipal para a construción do local social de Añá (25.000 euros), o acondicionamento do camiño a San Mauro e o da vía entre Vitre e Reboredo (96.000 euros), así como 17.000 euros para colocar anclaxes de contedores e completar así as suxecións en todas as parroquias do municipio.

O concelleiro de Facenda, Manuel Ferreiro, explicou que “o remanente de Tesourería para gastos xerais é de máis de 233.000 euros, pero decidimos non investilo todo para non afectar á Regra de Gasto e poder así manter a estabilidade orzamentaria das Contas do Concello”. De feito, na sesión tamén se aprobou definitivamente a Conta Xeral de 2017, despois de que fose exposta ao público e non recibira ningunha alegación.

Así mesmo, o pleno acordou adhesión do Concello de Frades ao convenio Xunta-Fegamp para a xestión da biomasa preto das vivendas e ao convenio para a mellora, mamentemento e protección do medio ambiente e rural de Mesía e Frades. Un convenio que conta cun orzamento de 96.000 euros e un período de vixencia de 5 anos, nos que os Concellos de Frades e de Mesía acometerán actuacións de mantemento de vías e espazos públicos, recuperación do medio ambiente, acondicionamento de rutas de sendeirismo…

Para iso, cóntase cunha achega de 57.000 euros da Consellería de Presidencia, correspondentes ao Fondo de Compensación Ambiental, que permitirán a compra dunha cisterna e unha barredora para limpar espazos públicos, así como dous remolcadores para o transporte de material.

Finalmente, o Pleno tamén acordou fixar como Festivos Locais o 5 de marzo (Martes de Entroido) e o 24 de xuño (San Xoán), toda vez que outra das opcións tradicionais, o 29 de setembro (San Miguel), cadrará en domingo e o 19 de marzo é festividade autonómica.