Friday 22 de November de 2024

O alcalde de Frades celebra a aprobación do arranxo das beirarrúas entre o colexio e Ponte Carreira e pide celeridade na súa execución


Agradece que a Deputación cumpra cunha demanda de hai máis de 2 anos e pide que as obras se fagan canto antes pois “é unha zona de moito tránsito peonil xa que une Ponte Carreira co colexio, o pavillón municipal e a igrexa parroquial”

O alcalde de Frades, Roberto Rey, celebra que o Pleno da Deputación da Coruña aprobara hoxe por unanimidade un investimento de 198.734,29 euros para financiar as obras de renovación de beirarrúas entre o núcleo de Ponte Carreira e o colexio. Rey Martínez agradece que a Deputación dea por fin cumprimento a unha demanda que o Concello de Frades levaba reclamando dende hai anos porque “se trata dunha zona de moito tránsito peonil xa que une o núcleo de Ponte Carreira co colexio, co pavillón municipal e coa igrexa parroquial”.

Unhas obras cuxo proxecto fora aceptado polo anterior Goberno Provincial, presidido por Diego Calvo, e que o actual equipo de goberno recuperou despois dunha reunión mantida co alcalde fradense en xuño de 2016. “Trátase dun tramo de beirarrúas que se atopa moi deteriorado, no que o Concello leva tempo parcheando e que agardamos que poidan ser unha realidade o antes posible”.

O proxecto inclúe a reconstrución de 1.360 metros de beirarrúas entre o núcleo de Ponte Carreira e a zona na que se emprazan o colexio, o polideportivo municipal e a igrexa parroquial da localidade, á beira da estrada CP-3082 Ordes-Ponte Carreira. O proxecto inclúe a mellora da contorna, coa colocación de 19 alcorques para acoller árbores, a canalización do alumeado público e a instalación dunha varanda metálica de 346 metros, para mellorar a seguridade dos peóns, en especial dos moitos nenos e nenas que empregan a diario estas beirarrúas.