Friday 22 de November de 2024

Medio Ambiente ofrecerá prácticas para completar a formación en materia urbanística de alumnos da Universidade da Coruña


A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, asinaron esta mañá o convenio de colaboración
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, asinaron esta mañá un convenio de colaboración polo cal alumnos desta universidade poderán completar a súa formación en materia urbanística na Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, que depende da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

Beatriz Mato e Julio Abalde coincidiron en que a combinación dunha axeitada formación teórica universitaria co coñecemento aplicado das técnicas e das metodoloxías desenvolvidas no campo profesional son unha base sólida para a formación integral dos alumnos universitarios e que os capacita para a súa futura inserción no mercado laboral.

Os alumnos da Universidade da Coruña adquirirán coñecementos sobre as funcións da APLU, un instrumento organizativo para mellorar a calidade da ordenación urbanística e poñela ao servizo de todos os cidadáns.

Dende o Goberno galego deféndese que o solo – o territorio- é un recurso natural escaso, non renovable e extraordinariamente valioso que dá soporte físico á vida, aos asentamentos de poboación, aos centros de produción de bens e servizos e a todas as actividades humanas.

Nese sentido, os universitarios que realicen prácticas acadarán conciencia da importancia de utilizar os recursos naturais -aire,auga e solo- con racionalidade, con intelixencia e con prudencia; mellorar a cohesión social e a calidade de vida dos cidadáns, favorecendo a promoción de vivendas asequibles en contornos amables e dotados de infraestruturas, equipamentos e espazos públicos suficientes e adecuados; e protexer e poñer en valor o patrimonio natural e cultural e a riqueza paisaxística dos espazos naturais e do litoral, que constitúen elementos esenciais da identidade de Galicia.

Para garantir o dereito de todos os cidadáns a un medio urbano e natural adecuado para o desenvolvemento, a APLU conta cun plan de inspección urbanística; polo que os alumnos tamén estarán en contacto coas accións deste programa para que adquiran experiencia sobre como mellorar a calidade e a eficacia da disciplina urbanística ao servizo dos cidadáns
e de garantir a obxectividade e a imparcialidade na actuación da Axencia. Os técnicos da APLU explicarán como afrontar os traballos para evitar que se leven a cabo obras, instalacións e usos que contraveñan a normativa; así como colaborar cos concellos de Galicia no obxectivo común de velar polo cumprimento da normativa e do planeamento urbanístico.

Esta actividade está enmarcada no labor formativo que realiza a Axencia cada ano para avanzar na concienciación cidadá sobre a necesidade de protexer o territorio a través do respecto á legalidade vixente.

Para o alumnado que solicite a realización das prácticas na APLU, estas terán a validez académica que se lles outorgar no plan de estudos correspondente, no marco do Practicum, e incorporaranse ao Suplemento Europeo ao Título (SET) de conformidade coa normativa de aplicación.