O aforro enerxético estímase nun 80% tras a instalación da nova caldeira e o illamento do sistema de auga climatizada sanitaria. Tamén se colocaron placas e sistemas antiesvarantes en distintos puntos
O Departamento de Deportes vén de executar un importante investimento na piscina municipal Iván Raña e nas demais instalacións deste complexo. Aproveitando as vacacións e o seu conseguinte peche durante o mes de agosto, realizáronse múltiples intervencións por un total de 143.750 euros.
A obra de maior envergadura corresponde ao illamento dos condutos e baterías de climatización da piscina, e nos dos vestiarios ao longo de todo o seu percorrido. Nos condutores de chapa situados no exterior substituíuse o material illante anterior, e de baixa calidade, por outro que evita os problemas derivados da súa rápida degradación. Concretamente empregouse la de roca e recubrimento de aluminio, o cal prevé o desgaste provocado polas inclemencias meteorolóxicas e outros factores como as aves e a contaminación atmosférica. Grazas a isto lográronse corrixir as baixas temperaturas que se rexistraban nos vestiarios, o que propiciaba un sobrecusto no consumo enerxético especialmente durante os meses máis húmidos e fríos. Estímase nun 80% o aforro enerxético acadado.
Con isto dáse por concluída esta obra cuxa primeira fase consistiu na substitución das caldeiras, colocándose un novo sistema de alimentación automática de biomasa. En total investíronse preto de 134.000 euros, dos cales aproximadamente 94.500 corresponden á axuda brindada polo Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) para a realización de proxectos de equipamentos térmicos de biomasa, e cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020.
Cúmprese así co obxectivo de dotar de capacidade adicional para producir enerxía renovable ás ditas instalacións deportivas. Un cambio co que tamén se consegue unha máis que considerable redución anual de gases efecto invernadoiro (CO2), cun total de 247,491 Tn.
Outra mellora foi a colocación de plaquetas e sistemas antiesvarantes en distintos puntos da instalación, como por exemplo nas duchas de acceso ou nos bordes do vaso (6.050 €).
O retapizado de bancos e maquinaria, a adquisición de material como agarres e outros elementos para a sala de musculación do ximnasio así como para as salas de actividades ou zona recepción son outras das melloras levadas a cabo (5.200 €).