Os concellos fusionados tamén terán como tope máximo 120.000 euros, igual que nas solicitudes conxuntas, e poderán destinar os cartos a máis dunha actuación
A Orde de axudas e subvencións do Fondo de Compensación Ambiental para o 2015 publicouse no DOG, adiantándose deste xeito case catro meses con respecto ao ano pasado. Así o anunciou en rolda de prensa o director xeral de Administración Local, José Alberto Pazos Couñago, que destacou que o adianto da cumprimento a unha reivindicación do conxunto do municipalismo galego.
Segundo explicou o director, o adianto nas datas da convocatoria vai facilitar a xestión da Orde, xa que, en primeiro lugar, proporcionará aos concellos un prazo de execución dos proxectos subvencionados moito maior, redundando nunha execución material mais eficiente e de maior calidade. Ademais, como consecuencia do maior prazo, resultará mais sinxelo para os concellos dar cumprimento as esixencias legais de contratación e xustificación dentro dun procedemento de control de legalidade sumamente esixente.
Para o financiamento da convocatoria de subvencións destínase 8,3 millóns de euros que se destinarán a desenvolver proxectos relacionados coa recuperación mediambiental do territorio galego; en ámbitos tan importantes como a mellora do saneamento e depuración de augas residuais, abastecemento dos suministros de auga potable, eficiencia enerxética, recuperación de espazos naturais ou dotación de medios materiais e humanos para a conservación ambiental, entre outras moitas actuacións.
A orde inclúe dúas liñas de axudas diferenciadas. A liña en concorrencia non competitiva está destinada a aqueles concellos que albergan no seu territorio instalacións de aproveitamento eólico e conta cun orzamento de 6,6 millóns de euros. Pola súa banda, á liña competitiva poderán optar a totalidade das entidades locais galegas que presenten proxectos medioambientais axustados á convocatoria. Esta liña é de 1,7 millóns de euros.
Priman as solicitudes conxuntas
Como se vén facendo desde o ano pasado, a través dun acordo ratificado polo Consello da Xunta, a a liña en concorrencia competitiva incorpora criterios para primar as solicitudes presentadas conxuntamente por mancomunidades de concellos, consorcios locais e agrupacións ou asociacións de concellos fronte ás presentadas individualmente.
A cuantía máxima dos proxectos a presentar será de 40.000 euros para as solicitudes individuais, e de 120.000 euros para as conxuntas, un 20 por cento máis que o ano pasado, cando o límite estaba nos 100.000 euros.
Fomento das fusións voluntarias
Ademais, co obxectivo de contribuír ao fomento das fusións municipais voluntarias, e dentro das medidas para o seu impulso, este ano os concellos resultantes deste proceso poderán presentar proxectos ata un máximo de 120.000 euros, o mesmo importe que nas solicitudes conxuntas.
Presentación de máis dunha solicitude
A última das novidades que presenta a Orde de 2015 é a posibilidade de presentación polos concellos de mais dunha única solicitude. Os concellos poderán realizar solicitudes de xeito individual, compatibles coa presentación dunha solicitude conxunta, co que se lle permite solicitar axudas para atender as súas necesidades específicas, sen que sexa un impedimento para apostar por outras de carácter conxunto e colaborativo.
As solicitudes destas características deberan referirse a unha única actuación, e todos os concellos solicitantes deberán realizar unha achega mínima do 25 por cento ao proxecto, salvo caso de máis de catro solicitantes que asumirán un reparto proporcional dos custes do proxecto, fomentando deste xeito o carácter colaborativo e supramunicipal destas iniciativas. Esta limitación a unha única actuación, non operará para as solicitudes realizadas por concellos resultantes de fusións municipais.
O director xeral de Administración Local pechou a súa intervención asegurando que “Galicia avanza satisfactoriamente na procura dun mellor equilibrio medioambiental”, obxectivo fundamental das axudas do FCA, e “resulta moi satisfactorio que o fagamos apostando pola colaboración entre administración que se está a converter nunha ferramenta de gran utilidade para o mellor aproveitamento dos recurso públicos”
Cinco anos beneficiando aos concellos
O Fondo de Compensación Ambiental é unha iniciativa que o Goberno da Xunta puxo en marcha en 2010 e que permitiu que por vez primeira os concellos galegos puideran beneficiarse directamente da explotacións eólicas, posto que as actuacións que se realizan son financiadas a través do canon eólico.
Ademais, este Fondo reflicte un triplo compromiso da Xunta: co medio ambiente -está dirixido a actuacións ambientais-, coas facendas locais, xa que representa un importante ingreso para as arcas municipais; e por último co reequilibrio territorial, xa que a maioría dos concellos beneficiados atópanse en zonas rurais do interior de Galicia.