O delegado territorial informou que máis de 13.100 rapaces e rapazas comezan hoxe as súas clases nos centros educativos da comarca da Ferrol. Na cidade hai matriculados máis de 4.949 alumnos
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá o CEIP Recimil en Ferrol con galo do inicio do curso 2018/2019 de Educación Infantil e Primaria. Na visita estivo acompañado polos responsables educativos do centro.
Segundo apuntou Ovidio Rodeiro na comarca da Ferrol iniciarán o curso 13.113 nenos e nenas (3.874 en Infantil e 9.239 en Primaria) e nos centros educativos da cidade están matriculados 4.949 alumnos (1.361 en Infantil e 3.588 en Primaria).
O delegado territorial quixo aproveitar a visita para dar conta das obras que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ten previstas para área de Ferrol. Concretamente, realizaranse actuacións en 20 centros educativos. Na comarca de Ferrol destacan como obras máis importantes a rehabilitación integral do CPI O Feal de Narón cun investimento de 759.177 euros, a ampliación para usos múltiples e biblioteca do CEIP Eladia Mariño de Cabanas cun custe de 375.000 euros e a renovación da carpintería exterior do CEIP de Ortigueira na que se invisten 204.000 euros.
Ovidio Rodeiro informou que a Xunta en total, actuará en 20 centros educativos da comarca nos que investirá máis de 1,6 millóns.
O representante do goberno autonómico destacou que dende a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria se está facendo un importante esforzo económico e humano para das respostas as necesidades educativas da comarca e de toda Galicia. “Son moitas as necesidades e os recursos limitados pero o noso obxectivo é seguir reforzando a nosa aposta pola educación pública de calidade impulsando distintas melloras nos centros educativos dos concellos con obras de maior ou menor envergadura, de mantemento e conservación ou dirixidas a garantir unhas instalacións axeitadas e dotadas con todos os medios necesarios”, puntualizou.
Ovidio Rodeiro se referiu tamén ao importante esforzo que dende a Xunta de Galicia se está facendo para a incorporación de centros ao Libro Dixital. Un total de 14 novos centros se incorporarán na área de Ferrol ao proxecto de educación dixital E-Dixgal polo que recibirán unha ensinanza completamente en dixital.
Cómpre lembrar, ademais, que o E-Dixgal vai máis aló do mero equipamento informático. Non en balde, todos os centros E-Dixgal contan cun Plan de formación propio no ámbito das novas tecnoloxías, cunhas 2000 horas de formación específica para o profesorado. Ademais, ditos plans incorporan tamén unha Escola de Nais e Pais para que as propias familias reciban información ao respecto e dispoñan de canles axeitadas para o acceso aos contidos e a resolución de dúbidas, entre outros.