Levarano a cabo os concellos de Ordes, Frades e Mesía. Terá unha duración de nove meses e participarán 20 alumnos-traballadores que desenvolverán tarefas de repoboación forestal e tratamentos silvícolas, así como actividades auxiliares en conservación e mellora de montes
A partir de hoxe as persoas interesadas en formar parte do obradoiro de emprego Brañas do Illó-Río Samo xa se poden inscribir na oficina do Servizo Público de Emprego situada en Ordes. Un aviso dirixido tanto ao alumnado como ao persoal directivo, docente e de apoio.
Na selección terán preferencia, en xeral, as persoas beneficiarias da Renda de Integración Social de Galicia (RISGA); mulleres; vítimas da violencia de xénero; menores de 30 anos; traballadores que esgotaran as prestacións ou subsidios por desemprego; parados de longa duración; maiores de 45 anos; persoas sen titulación universitaria ou de FP de grao superior; e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.
O dito obradoiro levarano a cabo conxuntamente os concellos de Ordes, Frades e Mesía en consonancia coa Consellería de Economía, Emprego e Industria ao abeiro da orde do 4 de maio de 2018 (DOG núm. 97, do día 23 de maio de 2018). A dita iniciativa formativo-laboral terá un prazo de duración de 9 meses, e desenvolverase no ámbito territorial dos tres municipios.
O obradoiro centrarase en dúas especialidades do eido forestal: repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, e actividades auxiliares en conservación e mellora de montes.
Actuacións
Na zona de Ordes están previstas actuacións en: parcela municipal do parque empresarial de Merelle (núm. 85), parque Félix Rodríguez de la Fuente, rúa Nova, Campo da Feira, CEIP Castelao, CEIP Campomaior, área Adina-O Mesón do Vento, campo da festa de Parada, contorno capela de San Pedro-Adrán, contorno das Marchás-Vilamaior e campo de fútbol de Barbeiros. En Frades traballarase en: leira do Carballal, campo de fútbol de Vitre, punto limpo, leiras Gasalla, Campoduro e Sanamil, praza de Ponte Carreira, área O Muíño de Céltigos e piscina de Papucín. Por último en Mesía: Prazas Albixoi, Cumbraos, Rivas, Braña do Vilar, Visantoña, Boado, Mesía e Bascoi, área recreativa de Olas, zona polideportivo Xanceda, viveiro municipal e brañas de Valga.
A principal novidade desta nova convocatoria será a posta en marcha de obradoiros duais. Isto é que combinará un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses cun contrato en prácticas, de como mínimo tres meses máis, nunha empresa situada no mesmo ámbito territorial e cunha actividade vinculada ás materias do obradoiro. Unha medida coa que se pretende seguir mellorando o emprego no eido municipal, especialmente no rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación.
Orzamento de 339.200 €
O Concello de Ordes será a entidade promotora do proxecto, o que inclúe todo o relacionado coa xestión, así como os aspectos materiais, técnicos ou de servizo necesarios. O seu importe total ascende a preto de 339.200 €, dos cales case 262.000 irán destinados á contratación do persoal, 27.000 € para gastos correntes e de material e outros 12.000 € para sufragar os traslados e desprazamentos para a formación práctica dos 20 alumnos-traballadores que conformarán o grupo (10 Ordes, 5 Frades e 5 Mesía). Está previsto que a meirande parte destes custos se sufraguen coa subvención de 288.800 € solicitada á Consellería de Economía, Emprego e Industria.
O importe non subvencionado que será asumido polos concellos será de 22.600 € no caso de Ordes, 7.548 € no de Frades e 5.787 € no de Mesía (máis os gastos de indemnización de persoal e traslado a partes iguais).
O obradoiro de emprego Brañas do Illó-Río Samo recibe este nome ao ser este o punto exacto de confluencia dos lindes territoriais dos tres municipios englobados nesta iniciativa.
9 millóns de euros
En conxunto hai que falar dun total de 11 obradoiros de emprego para os concellos da área de Compostela, cun investimento que rolda os 2.625.000 €. Isto permitirá que un total de 190 persoas desempregadas se formen nun oficio mentres realizan tarefas en beneficio de espazos e instalacións públicas. As persoas participantes recibirán un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado. A nivel da provincia da Coruña son 38 obradoiros de emprego con 682 alumnos-traballadores, grazas a un investimento de máis de 9,3 millóns de euros.