Friday 22 de November de 2024

A Casa do Concello de San Sadurniño acolle este sábado pola tarde o II Recital de Poesía en Feminino


Participarán unha vintena de poetas de dentro e fóra de San Sadurniño cunha abondosa representación da Nova Poesía Guitirica

Foi por estas datas en 2017 cando a área municipal de Igualdade organizou o primeiro evento poético co que reivindicar e visibilizar a muller na creación literaria e musical. Nacía daquela o Recital de Poesía en Feminino, que este sábado celebra a súa segunda edición na Casa do Concello a partir das 17.00h. convidando de novo ás persoas integrantes da Nova Poesía Guitirica. As súas voces encherán de versos con mensaxe o patio do Pazo, xuntándolles ademais as declamacións de poetas de aquí e do resto da comarca, así como as pezas interpretadas por Sol de Lera Díaz-Montero ao piano e de Víctor Rodríguez Troncoso ao chelo.

Matilde Castro García, María Teresa Pouso, Mariam Arroyo, Carmen Couce e Alba Riveira serán as encargadas de mostrar o vigor da creación poética local nunha cita a medio camiño entre o activismo literario e o activismo social a prol da igualdade. Porén, canda elas haberá xente chegada de Vimianzo, de Betanzos, de Ortigueira, de Cedeira e, principalmente, da grande área da Terra Chá luguesa, lugar de agromo do colectivo da Nova Poesía Guitirica.

A nova vaga poética chairega constitúe un rico e activo movemento sociocultural ao carón doutras entidades de renome como Xermolos ou a asociación Os Vilares, lareira de soños. A NPG naceu como colectivo en 2015 co gallo do XXV cabodano de Xosé María Díaz Castro, poeta de Guitiriz homenaxeado polas Letras Galegas o ano anterior. Definido por Antón Tenreiro -un dos seus membros- como un grupo poético “heteroxéneo no artístico pero homoxéneo na acción” que recolle a herdanza de Díaz Castro para “apostar pola cultura e a literatura como elemento de futuro”.

O propio Tenreiro -coñecido como Antón de Guizán-, María Xosé Lamas, Carmen Penín, Xosé Carlos Ulloa, Emilia Martínez, Branca Villar, Pas Veres, Adolfina Mesa e Pilar Maseda xuntarán as súas voces ás de Maica Pastoriza, María Pereira, Asun Blanco, Amalia Díaz, Francisco Zaera, Moncho Bouzas e ás das poetas de San Sadurniño.

Porén, o acto tamén contará cunha parte musical da que se encargarán dous novos talentos de aquí que lle toman o relevo a Noreia Hermida, convidada en 2017. Nesta edición o auditorio gozará das pezas ao piano interpretadas por Sol de Lera e cos acordes ao chelo de Víctor Rodríguez Troncoso.

O II Recital de Poesía en feminino comezará ás 17.00h. no patio interior da Casa do Concello con entrada libre.