Este encontro lúdico, festivo e cultural terá lugar durante o sábado e o domingo. Inclúe romaría, xantar, intervencións artísticas, homenaxes e charlas sobre Isabel Zendal, rutas pola vía verde e baño no río Lengüelle
Dacabalo, asociación cultural e deportiva, levará a cabo a vindeira fin de semana a súa I Romaría Cultural Presa de Castenda. A cita será na mesma presa, situada na carballeira de Numide, e poderán asistir de balde todas as persoas que queiran participar.
O programa deste encontro cultural, lúdico e festivo en defensa do patrimonio cultural, histórico e paisaxístico arrancará o sábado a partir das 12 horas. Tras recoller residuos e lixo do propio encoro procederase a realizar esculturas e creacións artísticas con este mesmo material. Unha experiencia na que a figura de Isabel Zendal estará moi presente “xa que este era o espazo onde se bañaba a tan importante e ilustre enfermeira e veciña de Parada”, segundo palabras de Santiago del Valle, xornalista e organizador desta iniciativa.
Ás 14 horas está prevista unha romaría galega e un xantar. Non faltará a música tradicional nin tampouco o investigador Antonio Mariño, auténtico experto e voz autorizada na figura de Isabel Zendal. Xa a partir das 17 horas está previsto un baño ritual, acompañado de procesión, no río Lengüelle, para pedir a reconstrución deste encoro.
Esta primeira romaría terá continuidade o domingo, 16 de setembro, cunha ruta pola vía verde ata Oroso.
O obxectivo desta iniciativa pasa pola reconstrución da histórica presa de Castenda; a recuperación e promoción como vía verde do Lengüelle de 30 quilómetros da antiga vía do ferrocarril da Coruña a Santiago, ao seu paso polos municipios de Cerceda, Ordes, Oroso e Santiago; e homenaxear a Isabel Zendal.
Para máis información pódese consultar o Facebook da asociación (www.facebook.com/amigosdapresadecastenda).