Saturday 16 de November de 2024

Aberto o prazo de inscrición para as actividades culturais e deportivas


Os sendeiros da cultura e do deporte inclúen Pilates, zumba, ioga, ballet, baile, debuxo e pintura, cociña, informática, idiomas, costura, reciclaxe etc

Dende hoxe e ata o vindeiro 20 de setembro o Concello de Ordes manterá aberto o prazo de inscrición para as actividades culturais e deportivas, tanto as que se levan a cabo trimestral como anualmente.

Nesta nova convocatoria Os sendeiros da cultura e do deporte, nome que recibe o dito programa municipal, inclúese: Pilates, zumba (adultos/as), ximnasia para persoas maiores, ximnasia con materiais (fitball, picas, pesas de man etc), hipopresivos, ballet (de 4 a 12 anos), ioga, ioga terapéutico, iniciación ao alemán (nenos e nenas), alemán (niveis I e II), costura (niveis I e II), teatro (a partir dos 12 anos) e debuxo e pintura (adultos/as e menores). Ademais tamén está prevista a posta en marcha do curso Descontaminando a vida diaria, no que se aprenderá a elaborar alimentos ecolóxicos, xabóns, cosméticos, produtos de limpeza etc.

Outras das actividades previstas son os cursos de informática. Neste casos os niveis ofertados inicialmente serán os de iniciación, nivel II (usuario) e informática para nenos e nenas nivel I (usuario). A maiores tamén se convoca un novo curso para aprender o manexo de smartphones e tabletas.

Os cursos de cociña para nenos e nenas incluirán dous grupos que van dende os 3 aos 6 anos e de 6 a 11 anos. Ademais tamén haberá outro de pastelería para mozos e mozas de 12 a 16 anos, así como as clases de cociña para persoas adultas. As clases de inglés baby están dirixidas a nenos e nenas de 0 a 3 anos, podendo estar acompañados por unha persoa adulta durante as sesións. Por último, as clases de baile moderno dividiranse en dous grupos, un para adultos e adultas e outro para xente de 10 a 16 anos de idade.

Os prezos das actividades oscilan entre os 72 € e os 9 € en total, habendo descontos por discapacidade, familia numerosa ou por ser maior de 65 anos.

Cómpre lembrar ás persoas que se inscriban que para darse de baixa terán que facelo por escrito e con rexistro de entrada.