Friday 22 de November de 2024

O Concello de Moeche achega 1.000 euros para a programación da ANPA do CEIP San Ramón


A alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, e a presidenta da ANPA do CEIP San Ramón de Moeche, Natalia López, asinaron este xoves o acordo de colaboración para o desenvolvemento e organización de actividades extraescolares, culturais, lingüísticas, deportivas ou formativas destinadas aos membros da comunidade educativa do colexio durante o curso 2018-2019 e a mutua colaboración no fomento da programación cultural, formativa e lúdica para a xente máis nova.

Por tereceiro ano consecutivo tivo lugar na Casa do Concello a sinatura dun convenio de colaboración entre o Concello e a ANPA do CEIP San Ramón. Este acordo súmase aos que o Concello establece desde non hai moito tempo con outras entidades singulares como o A.C.D.R. Moeche e a Escudería Moeche ou, xa de máis antigo, coa Asociación Ecuestre 23 de abril e a A.C. Irmandiños de Moeche.

O Convenio establece unha achega municipal de 1.000 euros para o desenvolvemetno actividades extra-escolares ou actividades culturais, lingüísticas, deportivas, formativas, de lecer ou semellantes destinadas aos membros da comunidade educativa do CEIP San Ramón. O Concello de Moeche ademais da achega económica citada comprométese a incluír na súa programación cultural actividades de carácter infantil e familiar que consultará coa ANPA previamente á súa programación.

A Asociación de nais e pais do CEIP de San Ramón asume, entre outras, o compromiso de colaborar co Concello de Moeche no desenvolvemento do Consello Local da Infancia e Adolescencia, de incluír o logotipo do Concello de Moeche en todas as actividades que se desenvolvan ao abeiro deste convenio así como de utilizar a lingua galega na súa realización, tanto no plano oral coma no escrito.

O pagamento da axuda farase efectiva nun primeiro aboamento da metade do importe da axuda (500,00 euros) tras a sinatura do presente convenio. O importe restante aboarase tras a xustificación da realización das actividades comprendidas no presente convenio por parte da ascociación. Esta xustificación debe realizarse antes do 30 de novembro de 2018.

Bolsas de estudo

En relación coa comunidade educativa, desde o Concello lémbrase que desde este venres está aberto o prazo de solicitude de bolsas para o estudo, ás que se destinan un total de 15.000 euros. Destas axudas poderán beneficiarse aquelas familias que teñan, como máximo, 9.000 euros de renda per cápita familiar.

Subvenciónanse dous conceptos, dunha banda os gastos orixinados por cursar ensinanzas obrigatorias e postobrigatorias en centros públicos e, doutra, os gastos de desprazamento para estudar fóra do municipio. Ambos apartados son compatibles entre si e tamén con liñas doutras administracións. Deste xeito, un alumno ou alumna que cumpra os requisitos -e sempre que haxa dotación orzamentaria suficiente- podería chegar a percibir ata 475 euros de axuda.

O anuncio da convocatoria saiu publicado no Boletín Oficial da Provincia deste xoves dando vinte días hábiles para presentar a documentación. O prazo para facer o trámite remata, polo tanto, o día 4 de outubro.