Friday 22 de November de 2024

Centos de persoas visitan a VII Feira de Oportunidades no seu primeiro día


Ata o próximo sábado a Praza de Abastos acollerá as mellores ofertas e os mellores prezos en moda, complementos, calzado, fogar, deporte etc

O público de Ordes está a ser fiel coa sétima edición da feira de oportunidades local. Moitos e moitas quixeron ser os primeiros en achegarse ao primeiro andar da Praza de Abastos, por medo a quedar sen as mellores gangas e ofertas. Ao longo deste primeiro día centos de persoas xa deron boa conta de todo o exposto, vendo e remexendo entre a multitude de produtos e referencias que os comerciantes están a ofrecer. Roupa para muller, home e neno; equipamentos e calzado deportivo de primeiras marcas; fragancias, xabróns e ambientadores; fogar e decoración; complementos e bixutería; calzado de todos os estilos e bolsos…..

E así ata o vindeiro sábado. Nestes tres días o horario irá de 10 a 14 horas e de 16.30 a 20.30 horas. Tamén se habilitará un recuncho infantil cuxo horario irá de 18 a 20 horas durante, aínda que o sábado ampliarase durante a mañá, concretamente de 10.30 a 12.30 horas.

Nesta sétima edición da feira participan os seguintes establecementos e firmas comerciais: Capitán (calzado), Carma (zapatería), Blanco moda infantil e xuvenil, Manuel Rodríguez (moda home e muller), Muxa (moda muller), Chic (moda muller), Arco Iris (mercería), Sportec (deporte), Alfombra Roja (zapatos), Dress (moda muller), Numa (moda muller), Dana y Aine (complementos), Peteiro (decoración) e Aromas (fragrancias).