Estará aberta á participación de veciños e veciñas con postos de artesanía ou produtos caseiros, que deberán anotarse no 981 50 99 08 antes do luns 17 de setembro
A feira servirá para presentar Daquí Darredor, os espazos colaborativos de transformación de alimentos caseiros que promove o Concello de Brión no centro comercial Monte Balado
6 de setembro de 2018.- A carballeira de Santa Minia acollerá o próximo domingo 23 de setembro, de 11:00 a 19:00 horas, a primeira edición da Feira Labrega. Organizada polo Concello de Brión, esta feira estará aberta á participación de todos os veciños e veciñas de Brión ou da contorna que desexen participar con postos de artesanía ou produtos caseiros, que deberán anotarse antes do luns 17 de setembro na Casa da Cultura brionesa ou chamando ao 981 50 99 08.
O alcalde de Brión, José Luís García, engade que “a Feira Labrega servirá tamén para presentar á veciñanza a iniciativa Daquí Darredor, uns espazos colaborativos de transformación de alimentos caseiros que promovemos dende o Concello en colaboración coa Deputación da Coruña e o GDR Terras de Compostela. O proxecto está agora nunha fase crucial: aquela na que os participantes deben decidir que tipo de colaboración queren facer, que maquinaria lles fai falta e que formación precisan, polo que agardamos que moitos dos que se acheguen pola Feira Labrega se sumen a este proxecto pioneiro para poñer en valor os nosos produtos locais”.
“Teremos postos de produtos agrícolas e artesáns, así como actividades paralelas, música, catas, obradoiros para a rapazada, mostra de artesáns…”, explica Carmen Freire, unha das responsables do proxecto Daquí Darredor. “Queremos recuperar as feiras como espazos públicos nos que se relacionan os produtores e os consumidores, coñecer á persoa que produce os alimentos. Porque recuperar estas relacións é algo fundamental para esta iniciativa”, apunta Freire.
A Feira Labrega estará aberta na carballeira de Santa Minia entre as 11:00 e as 19:00 horas, conformada por unha serie de postos de produtos de alimentación e de artesanía. Paralelamente tamén haberá postos de artesáns realizando demostracións en vivo dos seus oficios durante a xornada. Ás 13:00 horas, os adultos que o desexen poderán participar nunha cata de produtos autóctonos, mentres os nenos e nenas desfrutan da derradeira sesión do Festival de Monecadas de Brión, coa actuación de Fantoches Baj e a súa obra “Tío Miseria”. Pola tarde haberá obradoiros para os máis cativos, así como unha foliada con grupos folclóricos ás 18:00 horas. En caso de choiva, toda a programación trasladaríase ao pavillón municipal de deportes.