Friday 22 de November de 2024

Moeche destina 15.000 euros a bolsas de estudo para o curso 2018-19


Dentro duns días empeza a escola e tamén sairá publicada no Boletín Oficial da Provincia a convocatoria municipal de bolsas de estudo das que se poderá beneficiar tanto o alumnado do CEIP San Ramón como aquel que curse estudos oficiais, incluídos os da ESO, bacharelato, FP, os universitarios e mesmo os superiores relacionados coa música, as artes escénicas, a plástica ou o deseño. A contía total das axudas ascende a 15.000 euros distribuídos en dous apartados compatibles entre si: dunha banda a realización de actividades relacionadas coa formación e, doutra, os gastos de desprazamento para alumnado que estude fóra do concello. De cumprírense os requisitos establecidos nas bases, o importe da axuda pode chegar aos 475 euros. O Concello de Moeche pretende con esta liña favorecer a escolarización pública e a formación universitaria no seo das familias con menos recursos económicos.

De feito, un dos principais requisitos de acceso ás axudas vén marcado polo umbral de renda familiar per cápita, que non poderá superar en ningún caso os 9.000 euros, prevendo ademais asignacións lixeiramente superiores para aqueles casos en que a renda sexa inferior aos 6.000 euros. Neste sentido, a achega económica para formación no tramo das familias máis desfavorecidas vai desde os 100 euros por neno ou nena de Educación infantil ata os 250 euros de axuda para quen estea na universidade ou curse estudos superiores. Aquelas familias que teñan unha renda per cápita entre os 6.000 e os 9.000 euros poderán entrar nun rango desde os 75 até os 185 euros, dependendo dos estudos cursados, nos que entra tamén a Educación especial.

Se falamos das axudas para desprazamento por motivo de estudos cómpre sinalar que delas só se poderán beneficiar aquel alumnado que acuda a un centro público fóra de Moeche e que estea nun radio de 35 quilómetros, de entre 35 e 100 ou a máis de 100 quilómetros de distancia, coas correspondentes contías en cada caso. Os importes van desde os 100 ata os 225 euros e están relacionados tamén coa renda familiar e cos niveis académicos en que se teña matrícula no curso 2018-2019.

Cómpre ter en conta que as axudas para formación e para transporte son compatibles entre si e coas convocadas por outras administracións, sempre e cando a achega non supere o importe total dos gastos subvencionados. Ademais, as familias poderán solicitalas para máis dun membro da unidade sen que isto supoña redución algunha na cantidade asignada. Iso si, fai falla que o alumno ou alumna para o que se pida a axuda non sexa maior de 25 anos e que alomenos un dos pais ou titores legais (a menos que pida a axuda en nome propio por ser maior de idade), así como o propio beneficiario, estean empadroados en Moeche. Este requisito non será esixible no caso de alumnado do CEIP San Ramón e que pertenza a concellos limítrofes.

Outras condicións que se establecen na convocatoria son a obrigatoriedade de ter matrícula no curso completo, agás no caso de estudos universitarios e ensinanzas superiores, onde o mínimo serán 30 créditos. No caso dos estudos postobrigatorios será requisito imprescindible ter superado no curso 2017-2018 alomenos a metade das materias oficiais correspondentes. Por último tamén fai falla recordar que das axudas están excluídos os estudos de postgrao.

As bolsas de estudo do Concello de Moeche sairán publicadas dentro duns días no Boletín Oficial da Provincia e, a partir de aí, empezará a contar o prazo de 20 días hábiles para presentar toda a documentación requirida. En calquera caso, se alguén quere ir preparando documentos adiantámoslle nas seguintes ligazóns tanto as bases da convocatoria como os anexos que se deberán cumprimentar e levar ao Concello tan pronto como o prazo estea aberto.