Friday 22 de November de 2024

Encontro entre a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e os bolseiros de Galeuropa


Cecilia Vázquez Suárez, directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, mantivo un encontro coas persoas participantes da Mancomunidade de Ordes no programa Galeuropa. O lugar de xuntanza foi o salón de plenos de Ordes, onde previamente os 20 mozos e mozas beneficiarios mantiveron unha última reunión antes da súa partida. A este acto tamén acudiron o presidente da Mancomunidade, Roberto Rey, así como varios dos edís e alcaldes dos concellos que a integran. Tampouco faltou a concelleira de Educación de Ordes e a subdirectora de Xuventude, Participación e Voluntariado.
Durante un período de dous meses todas e todos os participantes, con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos, realizarán prácticas formativas en sectores relacionados co dereito, cooperación internacional, cultura, educación, márketing etc, en Reino Unido (Derry), Holanda (Leeuwarden) e Italia (Turín). O principal obxectivo é o de reforzar a empregabilidade e as competencias profesionais, co fin de mellorar a formación e a adquisición de experiencia para a inserción laboral.

Cecilia Vázquez destacou a importancia deste proxecto “no só pola experiencia que ocasiona no eido profesional senón tamén polas vivencias que achega vivir noutro país distinto”. A directora pediulles tamén “que aproveitasen estes meses para adquirir coñecementos e experiencia para posteriormente revertela en Galicia” unha vez regresen.

Pola súa banda, o presidente da Mancomunidade de Ordes agradeceu da Xunta de Galicia que “por segundo ano consecutivo se brinde á comarca a posibilidade de beneficiarse desta iniciativa xuvenil”. Sinalou tamén que a dita posta en marcha “é un claro exemplo do que se pode acadar cando os concellos suman esforzos e medios co fin de brindarlle á xuventude recursos para mellorar o seu futuro”. Por último, insistiu no apoio e asesoramento que se lles brinda por parte da Mancomunidade de Ordes “a cal está á disposición durante todo o tempo que dure esta experiencia, incluídos os meses de estancia no estranxeiro”.

Este ano son tres as agrupacións que se benefician deste programa de mobilidade trasnacional xuvenil. Estas son Val do Ulla: Vila de Cruces, Vedra e Boqueixón; Negreira e Val do Dubra; ademais da Mancomunidade de Ordes.

Máis de 2,5 millóns
Galeuropa enmárcase dentro do Programa Operativo de Emprego Xuvenil cofinanciado pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo. O seu orzamento ascende a máis de 2.500.000 euros para financiar e apoiar a mobilidade da mocidade galega para que realice estadías de prácticas formativas entre dous e tres meses de duración en entidades ou empresas de distintos países da Unión Europea. Unha cantidade destinada non só á mocidade participante, senón tamén a entidades sen ánimo de lucro con sede ou dominio social en Galicia e concellos galegos.