Friday 22 de November de 2024

Lolo Penas e Paula Mayobre vencen na XXII Carreira Pedestre Popular de Noia, na que participaron máis de seiscentos atletas


 

Atletismo Sar-Vermú Petroni, Atletismo Fontes do Sar e Club Atletismo Noia foron os gañadores da competición por equipos

Os atletas Lolo Penas e Paula Mayobre gañaron a XXII Carreira Pedestre Popular de Noia, desputada na noite de onte sábado polas rúas da vila noiesa e na que tomaron parte máis de seiscentos atletas. Penas Blanco impúxose con moita claridade cun tempo de 25 minutos e 52 segundos, cun ritmo de 3 minutos e 13 segundos por quilómetro.

O segundo clasificado foi José Lojo, que chegou á liña de meta instalada da Alameda catorce segundos despois, cun tempo de 26 minutos e 6 segundos. Completou o podio Rubén Caamaño Nieto, do Club Atletismo Sar-Vermú Petroni, cun tempo de 26 minutos e 12 segundos. A carreira foi controlada dende o principio por Lolo Penas, que se mantivo á fronte da proba en todo momento. No primeiro paso pola liña de meta encabezaba un grupiño de cinco corredores que foi descolgando na segunda volta, ata entrar en solitario.

Paula Mayobre, gañadora da proba en edicións anteriores, foi a gañadora da categoría feminina cun tempo de 27 minutos e 56 segundos, cun ritmo de 3 minutos e 29 segundos por quilómetro. A atleta do Club Atletismo Clínica Dental Seoane, que encabezou a súa categoría dende a propia saída, chegou no noveno posto da clasificación xeral absoluta.

Completaron o podio feminino María Jesús Gestido Rodríguez, que entrou no posto 22 da xeral cun tempo de 29 minutos e 32 segundos. O terceiro posto foi para Rocío Alvite Ferreiro que, cun tempo de 29 minutos e 49 segundos, logrou o 31 posto da xeral. Os tres primeiros clasificados, masculino e feminina, da proba absoluta recibiron cadanseu trofeo e un premio en metálico de 300, 175 e 125 euros, respectivamente.

Clasificacións

Na clasificación por equipos, o gañador foi o Atletismo Sar-Vermú Petroni, seguido polo Atletismo Fontes do Sar e polo Club Atletismo Noia (CAN), coorganizador da proba. Levaron cadanseu premio en metálico de 200, 100 e 75 euros, respectivamente. Os premios aos mellores atletas locais foron para Juan Ramón Balderrábano Mayo (Club Atletismo Noia) e María González Martínez (Orixinal MGM Team), que chegaron en 8º e 64º postos, respectivamente. Pódense consultar todas as clasificacións en: http://emesports.es/event/xxii-carreira-pedestre-popular-de-noia/

Os premios, tanto das categorías absoluta como escolares, foron entregados polo alcalde de Noia, Santiago Freire; o concelleiro de Deportes, Ramón Santos; o veterano atleta Federico Bueno; Berto Picón, da empresa Moon Off; Alejandro Seoane, de Ferretería Tucho; e Montse Suárez, de Óptica Ollos.

O alcalde de Noia, Santiago Freire, foi o encargado de dar a saída á proba absoluta, así como de homenaxear a un dos creadores da proba, Federico Bueno. Freire salientou que o 2018 está a ser un ano de moitas conmemoracións: “comezamos e seguimos coa celebración do 850 aniversario da fundación da nosa vila e agora conmemoramos que hai 40 anos nacía unha das probas máis senlleiras do atletismo na provincia”.

Pola súa banda, Ramón Santos agradeceu “o traballo feito por todos os que ficheron posible celebrar o 40 aniversario da nosa proba máis senlleira: Protección Civil de Noia, Cruz Vermella de Noia, asociación moto turística ría de Noia, Club Atletismo Noia, Ezequiel Mosquera e por suposto a todas as persoas participantes por facernos desfrutar dunha noite única”.