A obra foi licitada pola empresa pública Xestur a comezos de agosto, cun orzamento de preto de 3,9 millóns de euros
Un total de 15 empresas presentaron as súas ofertas para a execución da obra de urbanización interior da primeira fase (A) do parque empresarial de Morás, en Arteixo, licitada pola empresa pública Xestur a comezos do mes de agosto.
O orzamento de licitación será de preto de 3,9 millóns euros e a obra comprenderá unha superficie total de 554.002 metros cadrados, nos que se obterán 316.815 metros cadrados de superficie destinada a parcelas de uso industrial e comercial. Esta fase contará con máis de 3.800 prazas de aparcamento.
Ademais da urbanización interior da fase A do parque empresarial, dotándoa dos viais e de todas as redes de subministros necesarios, así como a súa conexión exterior. Na primeira fase tamén se inclúe a parcela destinada ao emprazamento dos depósitos de auga que darán servizo á rede de abastacemento, rega e hidrantes e na que se instalará a subestación eléctrica que servirá ao todo o parque empresarial. Asemade, inclúense os espazos destinados á execución dos estanques de regulación de augas pluviais.
A fase A do parque empresarial de Morás contará con máis de 60 parcelas de uso industrial e comercial, con superficies que irán dos 1.000 aos 105.000 metros cadrados.
Actualmente estase desenvolvendo a obra de explanación da plataforma K-3 e o Eixo 0 do parque empresarial, cun investimento de máis de 3,1 millóns de euros. Esta obra atópase en estado moi avanzado e está previsto o seu remate a finais do verán.
Recentemente rematou a obra de acondicionamento da estrada da DP-0512 que atravesa o parque empresarial e constitúe un dos seus viais.