Abondaron 20 minutos para que o pleno ordinario de setembro revisase os oito asuntos que compuñan a súa orde do día. 20 minutos que se desenvolveron nun clima tranquilo, habida conta de que a maior parte dos puntos eran cuestións relativas á dación de contas sobre resolucións da alcaldía e, as que si deron pé ao debate, non xeraron demasiada controversia entre o grupo de goberno e a oposición. Cos votos a favor de BNG, PP e PSOE saiu adiante a modificación do regulamento de identidade gráfica do Concello, mentres que a incorporación de remanentes de tesouraría de 2017 para novas obras en 2018 só contou co apoio do grupo nacionalista e da concelleira do PSOE. Neste asunto, o de maior trascendencia executiva da sesión, o PP optou pola abstención.
O cambio da identidade gráfica municipal obedece á necesidade de actualizar os logotipos que emprega o Concello, onde oficialmente seguía constando o dominio www.sansadurnino.es malia que xa hai tempo que se emprega o .gal. Ao tratarse dun documento aprobado polo pleno, tamén as modificacións deben ser tratadas pola corporación municipal, que neste caso lle deu o seu apoio unánime.
Os puntos centrais do pleno eran dous. Dunha banda deuse conta da resolución da alcaldía aprobando a liquidación do orzamento de 2017. Segundo o informe da Intervención muncipal, os resultados foron os seguintes: 371.376,25 euros en positivo, un total de 841.619,95 euros en fondos líquidos e uns remanentes de tesouraría para gastos xerais de 1.053.271,76 euros.
Con estes datos económicos o Concello pode incorporar máis fondos ao orzamento deste ano para facer novos investimentos. E iso é o que recollía, precisamente, outro dos puntos da orde do día, no que se debateu unha modificación das contas de 2018 incrementándoas en cerca de 140.000 euros procedentes do peche positivo de 2017, coa finalidade de executar cinco grandes proxectos relacionados coa mellora viaria, o patrimonio, a mellora de equipamentos e a eficiencia enerxética.
O alcalde debullou eses cinco proxectos explicando a finalidade dos investimentos. Así, 37.500 euros destinaranse ás obras de consolidación e posta en valor do castelo de Naraío. Unha cantidade que se corresponde co 20% do total -uns 151.000 euros-, que será asumido pola Deputación da Coruña, ao tempo que a Xunta de Galicia se encargará do proxecto e máis da dirección das obras.
Outros 26.445 euros reservaranse para acondicionar o aparcadoiro da área recreativa dos Currás cun novo pavimento, ademais de acometer obras que melloren a drenaxe da zona.
En relación co aforro enerxético tamén se preparará un proxecto por valor de 26.754 euros para renovar o alumeado da antiga praza do Concello, dos arredores do Convento do Rosario, do exterior do Pazo da Marquesa e dos xardíns municipais. Cambiarase a iluminación existente por dispositivos de LED, caracterizados por menores consumos e maior durabilidade.
O cuarto proxecto descrito polo rexedor centrarase na mellora da seguridade viaria. Por un importe total de 24.449 euros levarase a cabo a construción dun empedrado de contención na pista que une A Ribeira coa Fervenza, en Igrexafeita, onde hai dous anos se varreu parte do firme por mor das chuvias, ademais de facer o propio na zona do Pico, en Naraío. Dentro dese importe tamén se contempla a instalación dun valado de protección na volta de Pirulelle -no límite entre San Sadurniño e Neda- e o acondicionamento da pista que leva ao campo de fútbol de Naraío.
A última partida orzamentaria, de 23.764 euros, corresponde ao arranxo dunha pista en Cornide e outra que une os lugares do Cancelo, Vilaverde e Brame, en Lamas. O proxecto debería estar feito xa o ano pasado. Porén, o incumprimento da empresa adxudicataria dos seus compromisos levará agora ao Concello a iniciar o proceso de rescisión do contrato e a volver licitar uns traballos que non se chegaron a facer. Ese é o motivo de que o importe reservado para a obra se traslade ao orzamento deste ano mediante a modificación de créditos, coa finalidade de comezar o antes posible co expediente de contratación e tela rematada, se é posible, antes da chegada do inverno.
Os posicionamentos dos tres grupos á hora de votar foron coincidentes no caso do BNG e do PSOE, mentres que o PP xustificou a súa abstención en que, malia estar completamente de acordo coa distribución dos investimentos propostos polo grupo de goberno.
Trala votación deste asunto entrouse no apartado de rogos e preguntas. O PP interesouse por como se tramitan os pagamentos de facturas no Concello e tamén preguntou se o Festival do Río Castro de Naraío -celebrado o pasado 7 de xullo- contaba con plan de seguridade. A esta cuestión, Secundino García respostou que a entidade presentou toda a documentación esixida na normativa porque, doutro xeito, “non se podería autorizar” a celebración do festival.
Pola súa banda, a representante do PSOE preguntou polas razóns de que se retrasase até agosto a aprobación da liquidación e pola necesidade de acometer un plan de estabilidade financeira, tal e como reflicte o informe da Intervención municipal. Yolanda Vázquez tamén se interesou polas facturas eléctricas pendentes de aprobación.