O Boletín Oficial da Provincia da Coruña publicou a aprobación definitiva dos orzamentos municipais do Concello de Noia para 2018, que ascenden a 11.280.819,11 euros e destinan 1.395.723,83 euros a investimentos reais, así como 3,8 millóns de euros a bens e servizos.
Unhas contas que inclúen a culminación de importantes proxectos, como a finalización da obra de rehabilitación do Casino de Noia, que se converterá nun centro turístico de referencia para o municipio. O Concello de Noia destina máis de 500.000 euros a este proxecto que podería estar rematado a finais deste mesmo ano. “Unha vez que estas obras estean rematadas, buscaremos o xeito de poder facilitar a accesibilidade para persoas de mobilidade reducida á biblioteca municipal”, explica o alcalde noiés, Santiago Freire Abeijón.
Outro dos grandes investimentos incluído nestas contas é a posta en marcha do plan integral de mellora da Praza de Abastos de Noia. Para este exercicio destínanse 100.000 euros, se ben nos vindeiros dous anos se investirán outros 908.000 € restantes para completar este importante proxecto, que conta cun orzamento total de 1,08 millóns de euros.
Servizos e infraestruturas
No tocante a servizos básicos, habilítase unha partida de máis de 230.000 euros para a nova rede de bombeo A Barquiña-Río do Porto e outros 50.000 euros para reparacións en distintos colectores de saneamento. Así mesmo, os orzamentos de 2018 tamén prevén máis de 100.000 euros para instalación de caldeiras de biomasa no conservatorio de Noia e no Coliseo Noela.
En infraestruturas viarias, destínanse preto de 61.000 euros no acondicionamento e acceso á Rúa do Forno, que se complementarán con outros 30.000 euros para camiños rurais. Tamén se prevé un investimento de preto de 60.000 euros para o borde marítimo de Abruiñeiras e se reservan case 94.000 euros para acometer obras varias.
As actuacións en instalacións deportivas centraranse no proxecto de accesibilidade da piscina municipal, por valor de 30.000 euros. A esta cantidade súmanse outros 21.000 euros para equipamentos deportivos, edificios e outras construcións. O apartado de investimentos reais complétase coas partidas para un piano de cola e instrumentos varios (20.000 euros), parques infantís (20.000 euros), fixadores de colectores (8.700 euros), ou reposicións de iluminación pública (8.000 euros), entre outras.
Outros parámetros
No que atinxe aos gastos de persoal, ascenden ata os 4,4 millóns de euros debido a que recollen o incremento salarial incluído na Lei de Orzamentos Xerais do Estado así como a futura contratación de tres novos axentes de Policía Local. Así mesmo, tamén se aumentan as partidas para Emerxencias Sociais e do Programa Xantar na Casa, cun 20% máis con respecto ao exercicio anterior.
Tamén se destina un 13,85% máis para as axudas de comedor e transporte escolar, así como partidas específicas para o financiamento do programa Vacacións en Paz (3.560 euros) e un Plan de Emprego de 30.000 euros. O apartado de subvencións a asociacións de carácter social e clubs deportivos ascende a case 400.000 euros.