Saturday 16 de November de 2024

Luz verde á construción da nova Terminal de Autobuses fronte ao Mercado tras a firma dunha addenda entre Concello e Portos


Concello de Riveira e Portos de Galicia veñen de subscribir unha addenda ao convenio firmado en novembro de 2017 entre ambas entidades (dirixido á remodelación da avenida do Malecón e o paseo das Carolinas) que permitirá a construción da nova Terminal de Autobuses fronte ao mercado municipal.

Así, en virtude deste novo acordo, Portos autoriza ao Concello a ocupar unha superficie de 1.100 metros cadrados fronte ao edificio da praza de abastos para efectuar unha actuación que conlevará a demolición de 135 metros de muro de peche e dunha área de 65 metros cadrados da chabola máis próxima ao vial, o que redundará nunha maior amplitude da curva e facilitará o xiro dos autobuses á nova parada central.

Concurso de ideas
Tocante a esta última infraestrutura, o seu deseño será o resultado dun concurso de ideas que porá en marcha o Concello. Cómpre lembrar que o orzamento correspondente ao 2018, xa en vigor, consigna un investimento de 426.000 euros para a súa construción.

A addenda especifica que se realizará un peche de separación entre o porto e a zona correspondente á nova obra, cuxa realización non condicionará en ningún caso a normal explotación portuaria.

Onte firmou o documento o alcalde Manuel Ruiz en presenza do director de Portos, José Ignacio Villar, mentres que hoxe está previsto que faga o propio o presidente do ente autónomo, José Juan Durán.