Ademais de organizar a Feira Rural, o Concello de San Sadurniño tamén contará este sábado cun posto institucional onde anotarse para as distintas actividades que requiren inscrición previa e onde recoller folletos informativos sobre o arboreto galego da Cortiña, sobre a horta de conservación de froiteiras Carlos Fornos e sobre os itinerarios patrimoniais, históricos e ambientais de curto percorrido que se poden facer nos arredores do centro urbano. Nos últimos anos a Administración local produciu moito material turístico para poñer en valor os seus atractivos. Porén, faltaba por actualizar a guía que os xunta todos. Por iso, en colaboración coa Deputación da Coruña, acaba de saír do prelo un novo libriño que resume a nosa riqueza e a ampla oferta de feiras, festas e hostalería do territorio. Os primeiros exemplares, aínda fresquiños, distribuiranse de forma gratuíta con motivo da X Feira Rural.
A guía vén substituír aqueloutra deseñada hai case unha década coa implicación do tecido asociativo do municipio e de varios mozos e mozas -Sandra Arnosa, Rita López, Zoraida Meizoso, Brais Romero e Lucía Sanmartín- quen redactaron e ordenaron os contidos valéndose da súa formación en áreas coma o turismo, a lingua ou a historia.
Tal e como sinala o edil responsable da área, Manolo Varela, o anterior libriño “cumpriu con creces a súa función informativa, sobrepasando con moito a vida útil que adoitan ter este tipo de publicacións”. Porén, o concelleiro tamén comenta que “os cambios producidos no territorio e en moitos elementos aconsellaron darlle unha volta a todo, actualizando imaxes e textos”.
O resultado desa actualización é un produto de 64 páxinas financiado pola Deputación da Coruña que renova boa parte das fotografías e practicamente todos os textos e referencias. “Máis que intentar metelo todo o que se fixo foi tomar ítems destacados, que non son necesariamente os máis coñecidos, para dar unha visión xeral do concello que non quede desactualizada en pouco tempo” explica Varela.
A este respecto, a nova guía prescinde do mapa de recursos en papel e opta por un código QR para dispositivos móbiles que leva a un plano de Google Maps “onde se recollen ordenados case todos os elementos”. Este mapa “pode irse corrixindo e ampliando e aproveita as posibilidades que nos ofrecen hoxe os teléfonos para descubrir o territorio”. O concelleiro lembra, ademais, que nos últimos anos “o Concello preocupouse por introducir tanto en Google Maps como en Open Street Map o máis importante do municipio, de modo que se pode acceder á maioría dos recursos tan só con facer unha busca simple en calquera destas dúas aplicacións”.
Entre os contidos actualizados na guía destaca todo o referido ao Pazo da Marquesa e os xardíns municipais -na anterior guía aínda se encontraban en estado de abandono-, a inclusión do arboreto e da horta de conservación de froiteiras Carlos Fornos, as referencias ao Xeoparque do Cabo Ortegal e a utilización do lema San Sadurniño #quemáisqueres que lle dá título á publicación. “Buscamos un nome que resumise a ampla oferta patrimonial, cultural, histórica e ambiental coa que conta San Sadurniño, co obxectivo de transmitir a idea de que temos practicamente de todo en tan só 99 Km² de territorio. Por iso eliximos a pregunta retórica ¿que máis queres?, que é tamén unha expresión feita moi galega, e metémoslle a almofada das etiquetas que se empregan nas redes sociais. O San Sadurniño #quemáisqueres utilizarase de agora en diante en toda a comunicación turística que fagamos a través de twitter, facebook e instagram”.
Da guía turística imprimíronse 5.000 exemplares. Parte deles distribuiranse xa este sábado con motivo da X Feira Rural. Ademais, a partir do luns tamén estará dispoñible para descarga a través da web municipal, onde se atopan en pdf outras publicacións específicas relacionadas coa oferta turística de San Sadurniño.