Fernández Prado explica que a actuación inclúe os traballos correspondentes á escavación e os muros do paso inferior e a nova ponte sobre a rasante da avenida de San Cristóbal
O tenente de alcalde de Medio, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, e a concelleira de Tráfico e Mobilidade, Begoña Freire, informaron do avance das obras de conexión das rúas Pablo Picasso eGlasgow. “Como saben trátase dunha actuación que non estaba contemplada no proxecto orixinal da Terceira Rolda e que, dende a chegada do Goberno local, nos marcamos como unha das melloras imprescindibles para esta importante infraestrutura”. Tal e como recordou o tenente de alcalde, os traballos permitirán, como pedían os veciños, que ambos os dous barrios sigan unidos e non queden incomunicados, como pretendía o anterior goberno.
“As obras, que comezaron o pasado 21 de outubro, van seguindo os prazos e, tras a finalización das fases 1 e 2 que consistían basicamente na execución do estribo do lado Picasso do paso superior e a posta en marcha da pasarela provisional peonil, o próximo martes, 2 de decembro estamos xa en disposición de comezar a terceira fase, o verdadeiro corazón da obra, que consiste en realizar todos os traballos que teñen que ver cos correspondentes aos muros – pantalla do paso inferior ladoGlasgow, nova ponte sobre a rasante da avenida de San Cristóbal e a escavación do paso inferior”, avanzou.
O tenente de alcalde recordou que a solución pasa pola creación dun paso superior de 12 metros de ancho e unha lonxitude de 20,7 metros, que se elevará pouco máis de 1,5 metros con respecto ao nivel actual do cruzamento entre Elviña e O Birloque. Esta actuación permitirá, polo tanto, manter a conexión, tanto peonil como para o tráfico rodado e de bicicletas, nas rúas Picasso eGlasgow.
“Pasamos dunha infraestrutura que ía irromper de forma brusca na cidade, dividindo barrios, a unha solución para o tráfico da Coruñae a súa área que permitirá a Elviña e O Birloque seguir funcionando conxuntamente, cunha conexión branda amable, máis accesible e máis humana,” subliñou Fernández Prado, quen recordou que o investimento previsto é de 3,3 millóns de euros co obxectivo de que estea finalizada en primavera do próximo ano.
MODIFICACIÓNS DE TRÁFICO
A concelleira de Tráfico e Mobilidade, Begoña Freire, explicou que estas actuacións requiren un novo plan de tráfico, aínda que o Ministerio de Fomento buscou alternativas para minimizar o máximo posible os cambios na circulación con motivo das obras. “As actuacións para cumprir con esta gran demanda veciñal requiren novos desvíos provisionais de tráfico, algo que non tivese sido necesario se se tivese considerado a conexión dende o inicio dos traballos, cuestión que se retomou entre Fomento e o Concello en 2012,” explicou Freire.
“As obras dividíronse en varias fases co obxectivo de minimizar ao máximo as molestias para os condutores e tamén para os peóns”, recordou a concelleira.
Neste sentido, na fase que comezará o 2 de decembro, modifícase o tráfico dende Matogrande en dirección ao polígono da Grela que, na actualidade, se realiza a través do paso inferior e desvíase en superficie por un carril, sen semáforos, cara á glorieta de Lonzas. Isto é necesario para rebaixar o nivel de calzada do vial inferior da avenida de San Cristóbal, de modo que se eleve o menos posible o taboleiro que conectará Elviña e O Birloque. Ademais, recupérase a conexión de entrada cara á rúa Pablo Picasso dende a avenida deSan Cristóbal e suprímese, temporalmente, a saída á avenida deSan Cristóbal dende a rúa Picasso, con alternativa a través dos Lazos.
“O plan de tráfico deséñase coordinando as medidas coa Demarcación de Estradas e co enfoque global que emana do PMUS, que consiste en tomar medidas que reduzan o impacto dos eventos ou circunstancias que puidesen afectar os desprazamentos das persoas e mercadorías. Neste sentido, realizando unha análise global, decidiuse priorizar as dúas direccións do eixe Matogrande – A Grela mediante a colocación de paneis informativos, que indicarán alternativas tanto na avenida de Arteixo, coma enJoaquín Planells, Pablo Picasso, Severo Ochoa, glorieta dePocomaco ou o ámbito de Matogrande”, destacou Freire.
TRANSPORTE PÚBLICO
Respecto ao transporte público, Begoña Freire explicou que a novidade é que, ao recuperarse o sentido de circulación de San Cristóbal cara a Pablo Picasso, as liñas 12 A e 20 recuperan o seu itinerario habitual no devandito sentido de circulación.
Mantéñense as modificacións nas liñas 21, 23, e 23 A, que prestarán servizo a Pablo Picasso por Salgado Torres; a da liña 22, que dende a fonte dos Lazos se incorpora pola praza Casares Quiroga a Xeneral Rubín, Salgado Torres, glorieta de Lonzas, San Cristóbal e Alfonso Molina; e a da liña 5 que, co inicio desta actuación, circula por Joaquín Planells, incorporándose á rede en ambos os dous sentido cumprindo coa demanda dos veciños.
“Ademais -engadiu Freire-, restrínxese o acceso á avenida deSalgado Torres en dirección Ramón e Cajal dende a glorieta deLonzas, reservándose só para o transporte público para minimizar a afección sobre o eixe A Grela – Matogrande e conservándose o acceso de Avda. San Cristóbal a Salgado Torres”.
A concelleira de Tráfico e Mobilidade recordou que, tras estes traballos, xa só quedaría pendente a cuarta e última fase na que culminarán os traballos, repoñendo o paso peonil a través da nova ponte coa retirada da pasarela peonil provisional e a posta en servizo definitiva do paso inferior.