Saturday 16 de November de 2024

Ferrol, Fene e As Pontes acollerán tres obradoiros de emprego para menores de 30 anos impulsados pola Xunta de Galicia


A achega da Administración autonómica para estas iniciativas supera os 423.000 euros, que permitirán formar a 44 alumnos
Un total de 44 mozos e mozas menores de 30 anos da área de Ferrolterra poderán formarse ao tempo que traballan durante seis meses nalgún dos tres obradoiros de emprego de Garantía Xuvenil, que terán a súa sede en Ferrol, Fene e As Pontes de García Rodríguez impulsados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

O obradoiro de Ferrol contará con 16 alumnos e unha achega da Xunta de Galicia de algo máis de 154.000 euros. A especialidade onde se formarán e traballarán os alumnos será o desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web e o labor que desenvolverán servirá para redeseñar a páxina web do Centro de Emprego do Concello de Ferrol.

O obradoiro de Fene, no que tamén participan os municipios de Ares, Cabanas, Neda e Mugardos, tamén terá 16 alumnos e unha achega da administración autonómica de máis de 154.000 euros. A súa especialidade será a de fabricación e montaxe de instalacións de tubaxe industrial. Deste xeito, traballarán na substitución das varandas de protección na avenida do Concello e nas escaleiras de acceso á rúa Tras Cádavo en Fene, na instalación de varandas na Praza da Igrexa, na avenida Mugardos e no campo de fútbol de Ares e na fabricación dun escenario para Mugardos.

En canto ao obradoiro das Pontes de García Rodríguez, terá 12 alumnos e unha axuda da Consellería de Economía, Emprego e Industria de máis de 115.000 euros. A súa especialidade será a de confección e publicación de páxinas web e esta iniciativa servirá para facer a páxina web da área de emprego do concello.

No total galego, a Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsa 23 obradoiros de emprego específicos para menores de 30 anos inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenilnos que participarán un total de 352 alumnos, cun apoio que suma preto de 3,4 millóns de euros.

En concreto, na provincia da Coruña desenvolveranse un total de 10 obradoiros que contarán con 146 alumnos, impulsados de xeito individual polos concellos das Pontes, Boiro, Carballo, Ferrol e Rianxo; así como polas agrupacións formadas por: Betanzos, Carral, Coirós, Abegondo e Paderne; Fene, Ares, Cabanas, Neda e Mugardos; Santa Comba, A Baña, Negreira e Val do Dubra; Santiago de Compostela e Teo; e Rois, Dodro e Padrón.

Estes programas compleméntanse cos novos obradoiros duais de emprego, cos que a Xunta prevé incrementar as oportunidades laborais de 2000 persoas desempregadas, cunha achega de preto de 30 millóns de euros. O obxectivo é poñer en marcha 100 obradoiros duais, que combinarán un contrato de formación e aprendizaxe durante 9 meses e, como principal novidade, a contratación en prácticas de, como mínimo, tres meses máis nunha empresa emprazada no ámbito territorial onde teña lugar o obradoiro, e sempre que o traballo estea vinculado coas materias que se impartan no programa.

Tanto os obradoiros duais como os espefícicos para menores de 30 anos combinan a formación co desenvolvemento dun traballo efectivo, xa que as persoas beneficiarias disporán dun contrato de traballo e percibirán un salario durante a súa participación nesta actividade. Ademais, os alumnos e alumnas recibirán, ao remate da formación, un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado.

Con estes programas búscase mellorar a empregabilidade dos seus participantes ofrecéndolles unha formación para o emprego teórico-práctica de calidade da man de especialistas; a realización de actuacións de mellora das dotacións públicas ou de uso público no ámbito local, así como a prestación de servizos de interese xeral e social; e o impulso da colaboración institucional entre a Xunta e as entidades locais.