Monday 25 de November de 2024

Carballo acollerá un obradoiro de emprego para menores de 30 anos impulsado pola Xunta de Galicia


A achega da Administración autonómica para esta iniciativa supera os 115.000 euros, que permitirán formar a 12 alumnos na especialidade de carpintería e moble
Un total de 12 mozos e mozas menores de 30 anos poderán formarse ao tempo que traballan durante seis meses no obradoiro de emprego de Garantía Xuvenil de Carballo, impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria mediante unha achega de máis de 115.000 euros.

Neste obradoiro, que comezará en setembro, contará con 12 alumnos na especialidade de carpintería e moble. Co seu traballo, o concello de Carballo poderá contruir e instalar novo mobiliario urbano destinado ás rúas Luis Braille e Xílgaros.

No total galego, a Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsa 23 obradoiros de emprego específicos para menores de 30 anos inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenilnos que participarán un total de 352 alumnos, cun apoio que suma preto de 3,4 millóns de euros.

En concreto, na provincia da Coruña desenvolveranse un total de 10 obradoiros que contarán con 146 alumnos, impulsados de xeito individual polos concellos das Pontes, Boiro, Carballo, Ferrol e Rianxo; así como polas agrupacións formadas por: Betanzos, Carral, Coirós, Abegondo e Paderne; Fene, Ares, Cabanas, Neda e Mugardos; Santa Comba, A Baña, Negreira e Val do Dubra; Santiago de Compostela e Teo; e Rois, Dodro e Padrón.

Estes programas compleméntanse cos novos obradoiros duais de emprego, cos que a Xunta prevé incrementar as oportunidades laborais de 2000 persoas desempregadas, cunha achega de preto de 30 millóns de euros. O obxectivo é poñer en marcha 100 obradoiros duais, que combinarán un contrato de formación e aprendizaxe durante 9 meses e, como principal novidade, a contratación en prácticas de, como mínimo, tres meses máis nunha empresa emprazada no ámbito territorial onde teña lugar o obradoiro, e sempre que o traballo estea vinculado coas materias que se impartan no programa.

Tanto os obradoiros duais como os espefícicos para menores de 30 anos combinan a formación co desenvolvemento dun traballo efectivo, xa que as persoas beneficiarias disporán dun contrato de traballo e percibirán un salario durante a súa participación nesta actividade. Ademais, os alumnos e alumnas recibirán, ao remate da formación, un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado.

Con estes programas búscase mellorar a empregabilidade dos seus participantes ofrecéndolles unha formación para o emprego teórico-práctica de calidade da man de especialistas; a realización de actuacións de mellora das dotacións públicas ou de uso público no ámbito local, así como a prestación de servizos de interese xeral e social; e o impulso da colaboración institucional entre a Xunta e as entidades locais.