A achega da Administración autonómica para estas iniciativas supera os 308.000 euros, que permitirán formar a 32 alumnos
Un total de 32 mozos e mozas menores de 30 anos do Barbanza poderán formarse ao tempo que traballan durante seis meses nalgún dos dous obradoiros de emprego de Garantía Xuvenil, que terán a súa sede en Boiro e Rianxo impulsados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria mediante unha achega de máis de 154.000 euros por cada iniciativa.
O obradoiro de Boiro contará con 8 alumnos na especialidade de operacións básicas de cociña e outros 8 na de operacións básicas de restaurante e bar. As prácticas laborais realizaranse mediante a organización de menús sociais, almorzos solidarios, eventos gastronómicos do concello, xornadas de showcooking e comidas degustación.
En canto ao obradoiro de Rianxo, terá 16 alumnos na especialidade de repoboacións forestais e tratamentos silvícolas. Os integrantes do obradoiro traballarán na recuperación e rehabilitación de zonas degradadas nos montes Pena e Leoiras, na parcela do Turreiro e na Alameda e Campo de Arriba de Rianxo.
No total galego, a Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsa 23 obradoiros de emprego específicos para menores de 30 anos inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenilnos que participarán un total de 352 alumnos, cun apoio que suma preto de 3,4 millóns de euros.
En concreto, na provincia da Coruña desenvolveranse un total de 10 obradoiros que contarán con 146 alumnos, impulsados de xeito individual polos concellos das Pontes, Boiro, Carballo, Ferrol e Rianxo; así como polas agrupacións formadas por: Betanzos, Carral, Coirós, Abegondo e Paderne; Fene, Ares, Cabanas, Neda e Mugardos; Santa Comba, A Baña, Negreira e Val do Dubra; Santiago de Compostela e Teo; e Rois, Dodro e Padrón.
Estes programas compleméntanse cos novos obradoiros duais de emprego, cos que a Xunta prevé incrementar as oportunidades laborais de 2000 persoas desempregadas, cunha achega de preto de 30 millóns de euros. O obxectivo é poñer en marcha 100 obradoiros duais, que combinarán un contrato de formación e aprendizaxe durante 9 meses e, como principal novidade, a contratación en prácticas de, como mínimo, tres meses máis nunha empresa emprazada no ámbito territorial onde teña lugar o obradoiro, e sempre que o traballo estea vinculado coas materias que se impartan no programa.
Tanto os obradoiros duais como os espefícicos para menores de 30 anos combinan a formación co desenvolvemento dun traballo efectivo, xa que as persoas beneficiarias disporán dun contrato de traballo e percibirán un salario durante a súa participación nesta actividade. Ademais, os alumnos e alumnas recibirán, ao remate da formación, un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado.
Con estes programas búscase mellorar a empregabilidade dos seus participantes ofrecéndolles unha formación para o emprego teórico-práctica de calidade da man de especialistas; a realización de actuacións de mellora das dotacións públicas ou de uso público no ámbito local, así como a prestación de servizos de interese xeral e social; e o impulso da colaboración institucional entre a Xunta e as entidades locais.