Saturday 16 de November de 2024

Moeche adxudica a reparación doutros tres quilómetros de pistas municipais


A Xunta de Goberno local do Concello de Moeche resolveu este mércores o procedemento de adxudicación do contrato das obras incluídas no Plan de Camiños da Agader 2018-2019. O programa desta axencia autonómica outorgoulle a Moeche algo máis de 43.000 euros, cos que se financiará a reparación de cinco pistas municipais: a que vai do cruzamento da Abelleira até Amosa, a pista de San Xiao de Arriba, o camiño do Vilar, un treito na Ferraría de Abaixo e outro en Entrambasrrías. En total serán uns 2,8 quilómetros de estradas municipais que comunican os distintos lugares con tráfico maiormente lixeiro, polo que o proxecto técnico contempla a limpeza de cunetas, o tapado de baches e a reposición do firme. Dos traballos encargarase a empresa de obra pública José No Mantiñán e Hijos Construcciones S.A., tras presentar unha oferta de 31.335 euros -ive incluído- e un tempo de execución de 11 días tralo seu inicio.

A licitación do contrato publicouse a finais do mes de xuño e a ela concorreron oito empresas. O prezo estimado estaba cifrado en 51.369 € -impostos incluídos- que se viu considerablemente rebaixado nas ofertas presentadas polas construtoras. A ganadora do contrato foi quen achegou unha proposta máis vantaxosa en canto a prezo e tempo de execución das obras.

A solución técnica pola que se opta no proxecto é similar nas cinco pistas que se van reparar. En primeiro lugar farase unha limpeza en profundidade das cunetas, posteriormente limparase o firme e atacaranse os baches e irregularidades máis profundas e, por último, aplicarase unha dobre rega asfáltica -nalgúns puntos tripla- rematada con grava miúda. Esta opción responde, segundo o plan técnico, a que se considera suficiente para garantir unha correcta drenaxe e unha boa resistencia do firme, que soportará maiormente tráfico lixeiro.

Os tramos que se amañarán en Labacengos son o de San Xiao de Arriba -650 m. e o de Entrambasrrías, de 275 m. e un largo medio de 3 metros. Entre Labacengos e Santa Cruz tamén se arranxará a pista que vai desde o cruzamento da Abelleira até o núcleo de Amosa, con 770 metros de lonxitude. En Santa Cruz tocaralle, ademais, á pista do Vilar -565 m.- e este paquete viario financiado pola Agader rematará coa reparación do camiño da Ferraría de Abaixo -515 m.- situado na parroquia de San Xurxo.

A suma total destas reparacións aproxímase aos 3 quilómetros de distancia. A adxudicación do contrato para levalas a cabo coincide co desenvolvemento doutros traballos de mellora da rede viaria, concretamente nas pistas da Rega e dos Loureiros -San Xurxo- e no camiños de Seoane Vello e do Vilar, na parroquia de San Xoán, adxudicados en case 35.000 euros a Construcciones Saavedra y López. Cómpre lembrar, ademais, que recentemente se rematou o arranxo das pistas Loira-A Veiga, Vilapedre, Camiño da Estación, A Igrexa-Abade e o camiño de Vilariño, executadas por José No Mantiñán e Hijos S.L. por un importe cercano aos 42.000 €.