Substituíuse a antiga cuberta e recubriuse a fachada cun entablado de pino para mellorar as condicións térmicas do edificio e rematar cos problemas de humidade que estaban a afectar á súa estrutura
O Concello de Brión vén de rematar as obras de reparación e mellora das instalacións do pavillón de piragüismo de Ons, emprazado no lugar de Ponte do Bico (parroquia de Ons) e ás beiras do río Tambre. Unhas obras executadas pola empresa Arines Obras y Proyectos e nas que o Concello de Brión investiu 72.714,93 euros, procedentes dunha achega da Deputación Provincial da Coruña, á que o Concello de Brión achegou outros 20.000 euros de fondos propios para completar os traballos de mellora interior do inmoble e de subministración de enerxía eléctrica.
O alcalde de Brión, José Luís García, explica que “en Brión temos cada ano máis de catrocentos nenos e nenas practicando algún deporte nas nosas escolas deportivas. E, aínda que parece que o fútbol o coma todo, resulta que temos deportes que lle están gañando a partida e que cada día contan con máis afeccionados, como son a patinaxe, o ciclismo ou o piragüismo, onde contamos con varias promesas. Hai dous anos entregámoslles tres piraguas de última xeración especialmente deseñadas para a competición e agora cumprimos co noso compromiso de mellorar as instalacións”.
Mellora da cuberta e da fachada
Unhas instalacións que son empregadas non só polos rapaces e rapazas que practican este deporte da man do club Ribeiras do Tambre, senón tamén por numerosos veciños e veciñas que desfrutan dos cursos de piragüismo que cada verán convoca o Concello de Brión. Porén, este inmoble arrastraba serios problemas de humidade, que afectaban tanto á súa fachada como á súa propia estrutura de madeira, polo que o Concello de Brión decidiu acometer a súa reparación con cargo ao Plan de Acción Social Adicional PAS 1/2015 da Deputación.
O pavillón de piragüismo de Ons consta de dúas plantas: unha primeira onde está o almacén das piraguas, os vestiarios e unha sala de quencemento; e unha planta alta onde se empraza un ximnasio e unha sala de aparatos. A primeira planta ten unha superficie construída de 320 m2, mentres que a segunda é de 117 m2. Unhas dimensións que se manteñen coas obras de mellora realizadas.
As obras, executadas no prazo dun mes, consistiron na substitución da ineficaz cobertura de chapa metálica simple por unha fachada cun entablado de pino cuperizado, de xeito que se melloran as condicións térmicas do inmoble e se palían os problemas de estanqueidade que estaba a sufrir, tanto na súa cuberta como na súa fachada.
Así mesmo, procedeuse a desmontar e eliminar a antiga cuberta de chapa metálica simple, cuxos taboleiros manifestaban serios problemas de humidade. No seu lugar instalouse unha nova cobertura de zinc, incorporando illante térmico de 40 mm e instalando o canalón de evacuación de pluviais no exterior do plano da cuberta, xa que anteriormente era interior e provocaba serios problemas de filtración da auga da choiva.
Hai dous anos, o Concello de Brión e a Deputación da Coruña entregaran tres novas piraguas aos deportistas locais Luís Guilbert, campión de España infantil, e Laura Ardións, campioa alevín da Coruña, así como ao club Ribeiras do Tambre. Unhas embarcacións que, se ben son propiedade do Concello de Brión, están cedidas a dous deportistas de elite brioneses e ao club que utiliza estas instalacións.