O Concello de Noia vén de retirar un vertido de materiais de construción nunha parcela a carón da estrada Santiago-Noia (AC-543), emprazada preto da gasolineira Combustibles Barcia SLU e do enlace coa autovía Santiago-Noia. A concelleira de Medio Ambiente, Ángela Neri, indica que “xa van varias veces que se limpou a zona e se volveron producir os vertidos, polo que xa demos traslado da situación á Xunta de Galicia. Ademais, cos medios dos que dispoñemos, o Concello está tentando localizar á persoa ou empresa responsable, tarefa para o que solicitamos tamén a colaboración veciñal”.
Nos últimos meses, o Concello de Noia leva retirado un par de puntos de vertidos incontrolados no municipio, ademais da limpeza desta parcela ao pe da AC-543. Por iso, a concelleira aproveita a ocasión para lembrar a toda a veciñanza que o Concello de Noia dispón dun punto limpo no polígono de Augalevada onde depositar este tipo de refugallos. Unha instalación que está aberta de luns a venres, de 9:00 a 13:00 horas; os sábados, de 9:00 a 13:30 horas; e os xoves, de 16:00 a 20:00 horas. Ademais, o punto limpo tamén abre en horario de tarde, de 16:00 a 19:00 horas, o primeiro e último sábado do mes.
Así mesmo, Ángela Neri lembra que os veciños e veciñas dispoñen tamén dun servizo de recollida de enseres (chamando ao 981 19 12 40) e outro de recollida de aparellos, residuos eléctricos e resto de obra o cuarto martes de cada mes (previa solicitude no Concello de Noia ou no 981 84 21 00). “Pedimos a colaboración dos veciños e veciñas de Noia para que depositen correctamente o lixo e manter así un concello limpo”, apunta Neri Arufe.