A programación comezará o 1 de outubro e o prazo de inscrición estará aberto ata o 14 de setembro, na Casa da Cultura
O Concello de Brión abre o prazo de inscrición no seu programa de actividades culturais e deportivas para o novo curso 2018-2019. A inscrición nas actividades deberá realizarse de xeito presencial na Casa da Cultura de Brión, en horario de 9:00 a 14:00 horas, antes do próximo 14 de setembro. O programa de actividades xa está colgado na web dmuniciupal (www.concellodebrion.gal)..
O programa de actividades, que darán comezo o día 1 de outubro de 2018, inclúe unha vintena de propostas deportivas, culturais e formativas para os nenos e nenas de Brión, así como un amplo abano de actividades deportivas e culturais para adultos. Os prezos mantéñense con respecto ao último lustro, é dicir, 80 euros/ano por actividade coas excepcións do Club Camaleón (de balde), Club de lectura (de balde), Curso de Inglés (150 euros/ano) e Ioga (120 euros/ano).
O Concello de Brión mantén tamén os descontos establecidos o ano pasado, de xeito que bonificará cun desconto do 50% do custo da actividade nos casos de inscrición nunha segunda actividade. Así mesmo, o Concello de Brión establece bonificacións especiais para as familias, non acumulables coa bonificación anterior. Así, as familias con dous fillos desfrutarán dunha bonificación do 50% en todas as actividades do seu segundo fillo. As familias numerosas contarán cunha bonificación do 100% a partir do terceiro fillo, é dicir, que desfrutarán das actividades de xeito gratuíto. Finalmente, o Concello permitirá tamén o pago en dúas cotas, que se aboarán nos meses de outubro-novembro e de febreiro-marzo.
Actividades culturais e formativas
O programa de actividades culturais inclúe tres propostas. A Biblioteca Municipal de Brión oferta dúas actividades: o club de lectura (actividade mensual dirixida a maiores de 16 anos) e o Club Camaleón (actividade de fomento da lectura dirixida a nenos e nenas de 3 a 8 anos en compaña das súas familias). Ambas actividades son gratuítas e a inscrición deberá realizarse na propia biblioteca de Brión a partir do 10 de setembro.
No que atinxe á Escola Municipal de Danza e Música Tradicional ofertará tres cursos: Baile galego e Pandeireta (maiores de 4 anos) e Gaita e Percusión (maiores de 6 anos). Os tres cursos terán un custo de 80 euros/ano.
O programa tamén inclúe tres actividades de tipo formativo, que terán lugar no centro social polivalente. A primeira é o curso de iniciación á pintura, dirixido a veciños e veciñas entre 6 e 16 anos. O segundo curso é o de Teatro Infantil e xogo dramático, do que se farán dous grupos de acordo coas idades dos participantes: de 3 a 5 anos e de 8 a 9 anos. Finalmente, o polivalente tamén acollerá as clases de inglés para nenos e nenas entre 4 e 10 anos.
Actividades deportivas
No que atinxe ás actividades deportivas, a oferta do Concello de Brión abrangue actividades para adultos e para menores de 16 anos. Así, as Escolas Deportivas do Concello de Brión inclúen este ano predeporte (de 3 a 6 anos), fútbol sala (de 5 a 13 anos), ximnasia rítmica (de 4 a 16 anos), judo (de 6 a 16 anos), patinaxe (de 5 a 16 anos), fútbol-7 (de 5 a 9 anos), baloncesto (de 6 a 16 anos), tenis (de 6 a 16 anos) e hockey (iniciación, de 6 a 16 anos). Todas elas terán un custe de 80 euros anuais. A oferta deportiva para os maiores de 16 anos inclúe ioga, cun prezo anual de 120 euros.