Esta última fin de semana de agosto é, se cadra, unha das máis intensas do ano en canto a oferta lúdica en San Sadurniño. Arrancamos o sábado de mañá coa X Feira Rural que se prolongará durante practicamente toda a xornada e, ao día seguinte, o IV Sons na Cortiña encherá a beira do Xubia de actividades para toda a familia e, sobre todo, de boa música. O festival organizado pola área de Cultura e Mocidade de San Sadurniño conta con patrocinio da Deputación da Coruña e ten preparado un cartel no que destacan os obradoiros de circo e de percusión con materiais de refugallo xunto coas actuacións de De Ninghures, do pallaso Peter Punk, da Gramola Gominola e de Pablo Balseiro & Los Cascarillas. Na zona haberá espazo para xantar de campo ou a cuberto -tamén se poderá picar algo no toldo-, aínda que tamén repetimos a recomendación de tirar por algún dos restaurantes da zona.
O Sons na Cortiña aproveita a infraestrutura da Feira Rural da véspera propoñendo unha programación alternativa dirixida a público xuvenil e familiar. A primeira referencia será a sesión vermú a partir das 13.30h. coa actuación do grupo De Ninghures, que durante este verán animaron ducias de festas en toda Galicia cun repertorio tradicional moi bailable. Estiveron hai tan só uns días en Moeche levando o peso da repichoca do Irmandiño e este domingo achegaranse a San Sadurniño para ofrecernos pasodobres, muiñeiras e outras pezas lixeiras que acompañarán desde o escenario os primeiros compases do Sons.
Nesta edición o Concello quere impulsar a cita como unha festa familiar campestre. Por iso se lanza o convite de traer o xantar da casa e gozar da xornada ao aire libre, xa sexa nas sombras que empeza a haber baixo as árbores do arboreto ou nalgún dos recunchos que hai repartidos desde a presa do muíño de Mera ata a estatua da deusa Navia. Quen non queira complicarse tamén pode coller algo para picar no toldo, no posto de comida rápida que haberá preto da carpa principal ou ir comer a algún dos restaurantes da zona -os máis próximos son A Granxa e O Muíño do Pepe-, para o que se recomenda reservar antes.
Durante todo o día haberá repartidos polo campo do festival unha chea de xogos circenses e de equilibrios nos que se poderá probar a habilidade en calquera momento. Pero, ademais, desde as 15.30 até as 17.30h. ofrecerase en dúas quendas dunha hora un obradoiro de construción de instrumentos de percusión con materiais de refugallo. Latas vellas, caixas de cartón ou plástico e un simple carabullo a xeito de baqueta son suficientes para armar unha batucada, dándolle nova vida a cousas que temos ciscadas pola casa a través da creatividade musical.
Tan pronto como remate o obradoiro farase cargo da animación o pallaso Peter Punk con “Peor imposible”. Malabares abraiantes e humor a esgalla mestúranse a partes iguais na posta en escena desta autoridade do clown e o espectáculo de rúa, garante de desfrute de cativería e maiores a partes iguais. “Peor Imposible” é a súa cuarta montaxe e, igual que as outras cinco que forman parte do seu repertorio, tamén se caracteriza pola participación do público, queira ou non queira.
A parte musical da tarde será cousa, en primeiro lugar, do grupo para público infantil A Gramola Gominola. Paco Cerdeira, Ánxelo de Xermar, Ro Muñoz e Paula Romero fan música en galego, música desenfadada para bailar a ritmo de rock, funk, gospel ou punk. Porque, tal e como aseguran na súa web “non hai idades nin barreiras para a música……así que convidamos a todas e todos a rockear”. Chegan a San Sadurniño a partir das 18.30h. con “Cancións para desafinar”
Para pechar esta xornada de domingo á beira do Xubia -19.45h.-, a área de Cultura e Mocidade elixiu a Pablo Balseiro & Los Cascarillas. O guitarrista e vocalista coruñés afronta a súa carreira musical “sen encasillarse nunca, escoitando e estando aberto a todos os estilos”. Quizais por iso está implicado en cinco proxectos ao mesmo tempo, cada un distinto do outro. Fai “música de farándula” formando dúo con Juan Vázquez Juanillo, tamén se mete a contar contos con aire flamenco en “Contos Titiritraun”, fai tex-mex cos Cacahuates, versionea rock e blues con Caravan e, como veremos en San Sadurniño, mesmo se atopa cómodo nunha mestura de rock, reggae e outros estilos na compaña de Los Cascarillas.
O IV Sons na Cortiña finalizará pasadas as 21.00h., pechando deste xeito unha fin de semana cargada de actividade ao pé do Xubia. O festival conta con colaboración da Deputación da Coruña, ao igual que o Chanfaina Lab, seguinte cita programada pola Concellaría de Cultura para a primeira fin de semana de setembro.