Os alumnos e alumnas do obradoiro de emprego Ordes-Frades II realizaron traballos integrais de arranxo, mellora e mantemento tanto no mobiliario como nas zonas verdes, construcións e parques infantís entre outros
O paseo fluvial Ramiro Recouso Liste presenta un renovado aspecto, despois da intervención realizada ao longo das últimas semanas polos alumnos e alumnas do obradoiro de emprego Ordes-Frades II.
A área verde máis importante da vila de Ordes foi un dos espazos escollidos para unha ampla intervención, que afectou tanto á súa contorna como a moitos dos elementos e mobiliario. Concretamente procedeuse coa renovación da pasarela, colocación da varanda e reforzado dos puntos de apoio desta. Tamén se aplicou un tratamento protector da madeira para a súa conservación. Tamén se limparon e arranxaron farois, puntos de luz e sistema de iluminación.
A zona de xogos e parque infantil foi outra das áreas intervidas, na que ademais da limpeza e o mantemento tamén se instalou un areeiro para desfrute dos máis pequenos e pequenas. O tellado do muíño situado a unha das marxes do camiño tamén foi remodelado, así como os das casetas da zona de animais, nas cales se instalou tea asfáltica para maior protección dos patos, cabras, cisnes e demais especies que alí habitan. Por último traballouse no mantemento e a rehabilitación de toda a zona verde do conxunto do paseo.