Saturday 16 de November de 2024

A Xunta incrementa de media un 24,1% o financiamento das horas de Axuda no Fogar nos concellos da provincia da Coruña


O Plan de Apoio á Dependencia da Consellería de Política Social permitirá superar en toda Galicia as 60.000 persoas con atención antes de que remate o ano
A Consellería de Política Social ven de presentar o Plan de Apoio á Dependencia, un novo impulso no apoio ás persoas que máis o precisan e que permitirá superar en toda Galicia as 60.000 persoas con atención antes de que remate o ano. Os dous piares do Plan son o Bono Autonomía en Residencias, unha achega para sufragar unha praza en residencias de carácter privado para persoas que estean en lista de agarda nunha residencia pública, e o reforzo do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).

Nesta última prestación, a Consellería de Política Social incrementará un 24,1% o financiamento das horas de Axuda no Fogar nos concellos da provincia da Coruña, que pasará de 2.796.396 horas anuais a 3.470.226, un incremento de 673.830 horas. No total galego, o incremento será de 1,5 millóns de horas, ata alcanzar os 8,9 millóns, o que posibilitará que este servizo poida atender a finais de ano a máis de 24.000 galegos.

Está medida terá un custe anual de 14,7 millóns de euros. Nesta liña, a Consellería de Política Social fai fincapé no notable impulso na atención á dependencia que rexistra Galicia nos últimos anos. Así, a comunidade pasou de 40.173 persoas con servizo e unha ratio de cobertura do 61,5% en outubro de 2015 aos actuais 57.058 e 84,75% de porcentaxe de atención que sitúan a Galicia cinco puntos por riba da media do conxunto de España, segundo o último informe do Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social correspondente ao pasado mes de xuño. Isto significa que en menos de tres anos Galicia sumou 16.865 novos dependentes con atención e incrementou a cobertura das prestacións en máis dun 23%.

Este reforzo da atención aos maiores é posible debido ao incremento dos recursos económicos destinados para este fin nos últimos nove anos, nos que se pasou de 276 millóns de euros en 2009 a 414 no presente exercicio de 2019. Así mesmo, engadiu que no último trienio –entre 2015 e 2018- os orzamentos autonómicos desta área aumentaron nun 19,4%.