A Aldea de Verán é un programa de lecer educativo que non para. Literalmente. Uns días xogan no pavillón, outros van á piscina, os máis deles fan actividades relacionadas coas artes -o tema principal deste ano- e, en xornadas coma a de hoxe, tamén saen á aventura. Durante toda a mañá estiveron no paseo fluvial do Xubia na compaña do xeólogo Fran Canosa, quen lles explicou como sacar ouro dunha pequena cantidade de area coa única axuda de auga e unha batea. Todos os nenos e nenas tiveron éxito e levaron para a casa a súa pebida do prezado metal. Iso si, igual que dixemos o ano pasado por estas mesmas datas, que ninguén teña a tentación de batear o Xubia, posto que neste cauce non hai ouro. De feito, a area que limpou a cativería durante a experiencia proviña dunha zona aurífera próxima ao occidente asturiano.
Para facer máis levadeira a actividade, as monitoras da Aldea de Verán dividiron a rapazada en dous grupos. Mentres un tomaba o tentempé de media mañá, o outro baixaba á beira do río nunha zona de escaso calado onde a auga lles daba polo xeonllo. O xeólogo Fran Canosa -todo un erudito en minerais- explicoulles antes de meterse en faena que os Romanos buscaban ouro peneirando area disolta en auga e, unha vez que atopaban unha cantidade rendible, era cando acometían inmensas obras de enxeñería hidráulica para extraer o metal en grandes cantidades. Así foi, por exemplo, como se configurou a paisaxe das Médulas, na provincia de León, onde se derrubaron montes enteiros para chucharlles as pebidas acumuladas durante millóns de anos no medio dos sedimentos.
San Sadurniño non son As Médulas nin tampouco hai constancia xeolóxica da presenza de ouro, aínda que o enxeñeiro galés Ellys Henry Thomas -máis coñecido como o “Inglés do Chao” por ter formado alí familia- fixo varias prospeccións na zona de Naraío que non deron resultado. Fran Canosa sábeo, e por iso trouxo para a actividade un saco duns dez quilos de area proveniente da zona da Mariña, onde algúns ríos seguen atesourando minúsculas pebidas de ouro doadas de atopar se se saben buscar, malia que para xuntar unha cantidade que valla minimamente a pena sexa necesario botar horas e horas anicado na auga lavando quilos e quilos de area.
A técnica que lles ensinou Canosa -e que eles e elas levaron despois á práctica- consiste en disolver o areazo nun caldeiro de auga. Logo pásase ese caldillo por unha peneira para que queden nela as pedras máis grosas. Feito isto, a lama areosa faise pasar de novo por outra peneira cos buratos máis tupidos da que se obtén unha mestura de auga e grans moi finos que se traballa finalmente coa batea. Este aparello é coma unha tixola de plástico con acanaladuras nunha das súas metades. Nela bótase unha presada da lama previamente preparada e despois, con moito tino e moita paciencia, vaise deixando entrar auga mentres se fan movementos circulares co obxectivo de que as partes de ouro -máis pesadas que a auga e os outros minerais- vaian depositándose nas marcas da batea.
Por sorte, todos os nenos e nenas atoparon ouro* nas súas bateas (o asterisco, igual que o ano pasado, explica como foi posible tal cousa). Os nenos gardárono, como o tesouro que é, en bolsas herméticas. De seguro que a esta hora estarán fachendeando coa familia do seu logro que, a pequena escala, é moi parecido ao que vemos na afamada serie de DMAX “A febre do ouro”.