Os traballos terán unha duración dun mes e servirán para mellorar as condicións térmicas e acústicas da instalación e solucionar humidades
O Concello de Brión vén de sacar a licitación as obras de substitución da envolvente exterior do polideportivo municipal de deportes, emprazado en Lamiño, por un importe de 101.569,78 euros e cun prazo de execución máximo dun mes. As empresas interesadas en participar na licitación poderán presentar as súas ofertas ata o próximo 30 de agosto.
O alcalde de Brión, José Luís García, explica que “con estes traballos melloraremos as condicións térmicas e acústicas do pavillón, algo que agradecerán tanto as numerosas persoas que a diario fan uso destas instalacións deportivas como os asistentes a celebracións como o Concurso de Entroido ou a Festa de Reis. Ademais, solucionaremos os problemas de estanqueidade que ten o edificio en varios puntos por mor da actual cuberta”. O polideportivo brionés ten unha antigüidade de 27 anos, polo que na actualidade presenta problemas de filtracións na cuberta que, de non solucionarse e aumentar, poderían supoñer un problema de cara á utilización das propias instalacións.
As obras consistirán na retirada da totalidade da cuberta, de chapa simple, así como de elementos puntuais como os aireadores, canos e baixantes. No seu lugar instalarase unha nova cuberta de panel sandwich nervado, que inclúa illamento térmico. Así mesmo, instalaranse novos canalóns e baixantes. “Trátase dunha solución sinxela”, explica José Luís García, “que nos permitirá ofrecer unhas mellores instalacións deportivas á nosa veciñanza. As instalacións serán máis seguras, permitirán un maior control da temperatura, tanto no inverno coma no verán, e suporán tamén un importante aforro tanto económico como enerxético para o Concello de Brión”.
As obras contan cun prazo de execución dun mes, que comezará a contar despois da sinatura do contrato. Uns traballos que están incluídos no Plan de Obras e Servizos POS+2018 da Deputación Provincial da Coruña e que complementarán os realizados a principios de 2016, cando se mellorou as condicións térmicas da envolvente das fachadas ao tempo que se colocaron novos parafusos na cuberta, nesta ocasión con xuntas de neopreno, para evitar así o seu deterioro e filtracións de auga.