Friday 22 de November de 2024

O CIM da Mancomunidade anuncia un novo programa de prevención e tratamento da violencia de xénero


Desenvolverase en Ordes ata o vindeiro mes de setembro. Está especialmente dirixido a mulleres vítimas e menores dependentes delas, aínda que tamén poderán participar outras persoas en situación de vulnerabilidade. Xa se pode solicitar praza
O Centro de Información á Muller (CIM) da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes pon en coñecemento a posta en marcha dun novo programa para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero.
Haberá intervencións terapéuticas e psicoeducativas destinadas a unha atención integral das mulleres vítimas de violencia de xénero, así como menores e dependentes de ditas mulleres. Poderán participar tamén outras persoas que por circunstancias de vulnerabilidade requiran este tipo de intervención. As inscricións deberán facerse nas oficins do CIM situadas nos baixos da alameda de Ordes. Para máis información pódese chamar ao 981680002.
O programa previsto, que se levará a cabo en Ordes, distribúese do seguinte xeito:
• Sesións terapéuticas individuais para mulleres (Do 27/08/2018 ao 26/09/2018). As tardes dos luns e mércores (1 hora).
• Sesións terapéuticas individuais para menores (Do 27/08/2018 ao 28/09/2018). As tardes dos luns e mércores, excepto o 28 de setembro (1 hora).
• Sesións grupais para mulleres de competencias emocionais e sociais para mellorar a situación persoal, social e laboral. (Do 31/08/2018 ao 28/09/2018). As mañáns dos martes, xoves e venres (4,5 h a sesión).
• Sesións grupais para menores de competencias emocionais e sociais para o benestar e inclusión social. (Do 04/09/2018 ao 14/09/2018). As mañás dos martes, xoves e venres, excepto o 13 e 14 de setembro que serán de tarde (3,5 h a sesión).
• Sesión grupal sobre a área afectivo-sexual. (28/09/2018). Horario de tarde (3 horas).
O obxectivo desta acción é darlle continuidade á xa realizada no ano 2017 e en febreiro de 2018. Este programa piloto da Secretaría Xeral de Igualdade, denominado ‘Asesoramento e terapia familiar con nenos e nenas que sofren de maneira directa ou indirecta violencia de xénero’ ofreceu intervencións a mulleres e menores vítimas de violencia de xénero, con resultados moi positivos que favoreceron cambios na vida persoal e familiar imprescindibles para asegurar a recuperación integral e poder comezar un novo proxecto vital. Este programa está financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade e o FSE.