Saturday 16 de November de 2024

Clausura do obradoiro de emprego Ordes-Frades II


Covadonga Toca, secretaria xeral de Emprego, e os alcaldes José Luis Martínez Sanjurjo e Roberto Rey ensalzaron hoxe na Pontraga o traballo realizado nos últimos nove meses pola vintena de alumnos e alumnas
A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, e os alcaldes de Ordes e Frades, José Luis Martínez Sanjurjo e Roberto Rey, clausuraron esta mañá o obradoiro de emprego Ordes-Frades II. O acto co cadro directivo, alumnado, profesorado e persoal administrativo tivo lugar na estación da Pontraga (Ordes). Alí a secretaria xeral destacou a importancia deste tipo de iniciativas nas que a colaboración e a ocupación van da man, e avanzou a ampliación ata os 12 meses dos novos programas formativos deste tipo, os cales incluirán prácticas en empresas.
Pola súa banda os rexedores de Ordes e Frades destacaron o traballo levado a cabo nas distintas accións levadas a cabo en diversos puntos dos seus municipios, e lembráronlle á titular autonómica a recente solicitude, esta vez cun terceiro concello, o de Mesía, dun novo obradoiro de emprego.
Subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e promovido polos concellos de Ordes e Frades o obradoiro Ordes-Frades II desenvolveu un programa mixto de emprego e formación dirixido a mellorar a ocupación de 20 persoas desempregadas. Entre as funcións realizadas figuraron as de albanelería de fábricas e cubertas, así como os traballos de viveiros, xardíns e centros de xardinería.

O investimento total ascendeu a 334.845 €, dos cales case 280.000 € foron por parte da Xunta de Galicia, 24.500 aportounos o Concello de Frades e os 28.000 € restantes o de Ordes.

Actuacións
No acto de hoxe proxectouse un vídeo no que se puideron ver o antes e o depois de todas as obras realizadas ao longo deste tempo. No caso de Ordes hai que sinalar os acondicionamentos da antiga escola de parada, do local social do Mesón do Vento,da parcela situada entre as rúas de Frades e Cerceda, do parque infantil Pilar Martínez Viqueira, así como do da estación da Pontraga (Parada), onde ademais se instalou un aseo. Cabe destacar tamén o gran traballo executado no paseo Ramiro Recouso Liste, onde se renovou a pasarela tanto na súa parte superior como nos puntos de apoio da mesma, aplicouse tratamento a todo o mobiliario de madeira da zona para a súa conservación. Tamén se procedou co mantemento, e limpeza das farolas e puntos lumínicos así como na zona de ocio infantil, onde ademais se instalou un areneiro. Tamén se arranxaron os tellados do muíño e das casetas dos animais. Por último procedeuse co mMantemento e a rehabilitación de toda a zona verde do conxunto da zona.

No que se refire ao municipio de Frades acondicionáronse os locais sociais de Vedral, Paucín e da área de Añá, así como as prazas Moar, Añá e Pontecarreira. Tamén se realizou o mantemento e conservación das áreas de Ponte Carballa (Abellá), a da presa de Ledoira (2º fase) e a dos pasos en Aiazo.

Brañas do Illó-Río Samo,
O pasado mes de xuño os alcalde de Ordes, Frades e Mesía ratificaron o acordo da xestión compartida para solicitar da Consellería de Economía, Emprego e Industria a posta en marcha do obradoiro de emprego Brañas do Illó-Río Samo. Un compromiso baseado na colaboración interadministrativa, o que minora considerablemente os custos da prestación do servizo. Concretamente o obradoiro centrarase en dúas especialidades do eido forestal: repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, e actividades auxiliares en conservación e mellora de montes.

O seu importe total ascenderá a preto de 339.200 €, dos cales case 262.000 irán destinados á contratación do persoal, 27.000 € para gastos correntes e de material e outros 12.000 € para sufragar os traslados e desprazamentos para a formación práctica dos 20 alumnos-traballadores que conformarán o grupo (10 Ordes, 5 Frades e 5 Mesía). Está previsto que a meirande parte destes custos se sufraguen coa subvención de 288.800 € solicitada á Consellería de Economía, Emprego e Industria. O importe non subvencionado será de 22.600 € no caso de Ordes, 7.548 € no de Frades e 5.787 € no de Mesía (máis os gastos de indemnización de persoal e traslado a partes iguais).

Na zona de Ordes están previstas actuacións en: parcela municipal do parque empresarial de Merelle (Nº 85), parque Félix Rodríguez de la Fuente, rúa Nova, Campo da Feira, CEIP Castelao, CEIP Campomaior, área Adina-O Mesón do Vento, campo da festa de Parada, contorno capela de San Pedro-Adrán, entorno dos Marchás-Vilamaior e campo de Fútbol de Barbeiros. En Frades traballarase en: leira do Carballal, campo de fútbol de Vitre, punto limpo, leiras Gasalla, Campoduro e Sanamil, praza de Ponte Carreira, área O Muíño de Céltigos e piscina de Papucín,. Por último en Mesía: Prazas Albixoi, Cumbraos, Rivas, Braña do Vilar, Visantoña, Boado, Mesía e Bascoi, área recreativa de Olas, zona polideportivo Xanceda, viveiro municipal e nas brañas de Valga.