Friday 22 de November de 2024

Portos de Galicia e Turismo de Galicia impulsarán o turismo náutico no Salón Sectorial de París


A Xunta afonda con esta iniciativa na tarefa promocional que permitiu un incremento interanual do 9% nos tránsitos estivais

Portos de Galicia e Turismo de Galicia participarán de xeito conxunto este ano no Salón Nautico de París como impulso ao turismo náutico e a actividade das instalacións náutico recreativas de Galicia. O salón, que se celebra na capital francesa entre os días 6 e 14 do vindeiro mes de decembro, reúne anualmente uns 250.000 visitantes de todo o mundo, sendo un dos eventos de referencia na náutica do Atlántico Europeo, con visitantes de índole internacional, nomeadamente do norte de Europa, Francia e o Mediterráneo.

Este ano, Turismo de Galicia instalará un stand de 48 metros cadrados a través do que se difundirá a oferta náutica galega neste certame, que se celebra desde hai máis de 50 anos, e no que a entidade de promoción turística da Xunta de Galicia participa desde hai 15.

O recinto de promoción do turismo náutico galego posibilitará tamén a toma de contacto e as relacións comerciais entre os profesionais galegos e os empresarios do sector que visiten a feira.

Dentro da súa liña estratéxica de promoción da náutica recreativa en Galicia e do sistema portuario autonómico, Portos participa por segundo ano consecutivo neste evento co obxectivo de consolidar Galicia como destino náutico de primeira orde internacional. Esta presenza formúlase como catalizador da representación dos clubes náuticos e mariñas xestoras dos peiraos deportivos, coordinando a súa oferta individual para achegar unha proposta galega conxunta de maior competitividade de cara ao exterior.

En concreto está prevista a asistencia de representantes de Marina Viveiro, Marina Coruña, Marina Sada, Real Club Náutico da Coruña, Club Náutico de Portonovo, Nauta Sanxenxo, Marina Vilagarcía e Real Club Naútico de Vigo. Así mesmo, achegarán a súa oferta promocional, a través de recursos publicitarios e presenza audiovisual, os clubes náuticos e mariñas de San Vicente do Mar (O Grove), Moaña, Monte Real Club de Iates de Baiona, Porto deportivo de Baiona, Combarro (Poio), Vilanova de Arousa, Muros, A Pobra, Muxía, porto do Xufre (A Illa de Arousa), os concellos de Boiro, Cambados e Baiona e a base náutica Palmira Scuba, da Pobra do Caramiñal.

Con estas iniciativas, Portos de Galicia está a dar novos pasos na súa estratexia promocional que nos últimos dous anos deu resultados plenamente satisfactorios. Non en van, o pasado verán a cifra de tránsitos total de Galicia superou os 5.400 barcos, o que na comparativa coas cifras do ano 2013 revela un incremento do 8,7%.

O Salón Náutico de París conta con 7.075 profesionais; 1.300 periodistas acreditados; 785 expositores que representan a 1.300 marcas repartidas en 125.000 metros cuadrados; 1.200 buques con máis de 200 novedades; máis de 350 lanchas e veleiros; 300 embarcacións deportivas diferenciadas (piragüismo, windsurf…), entre outros. Esta feira constitúe un acontecemento de primeira orde internacional no mundo da industria e actividade náutica, está totalmente conectada co mercado internacional náutico e proxecta luz sobre as tendencias da industria náutica de produción para a exportación e importación.