O DesOrdes Sonoras encheu de música, diversión, arte e boa compaña o parque da Constitución. SSSEKONE vinil set foi o encargado de animar o ambiente cunha estupenda sesión musical que amenizou as cañas e os vermús de todas as persoas que se achegaron a este espazo situado no centro da vila ordense. Á par Nove Noel ofreceu unha exhibición de pintura en vivo.
En grande o pasaron tamén os nenos e nenas que participaron no obradoiro de pintura mural, quenes non dubidaron en darse un baño nos estanques do parque para refrescarse da calor reinante. O programa para hoxe tamén inclúe roteiros guiados polos distintos murais do núcleo urbano e concertos nocturnos a cargo de Hermanos L, Boyanka Kostova, Mounqup e SSSEKONE vinil set.
Hoxe haberá proxeccións a partir da media noite na fachada do Concello da man de A.L. Crego. Non será a única ubicación escollida senón que ademais, e aleatoriamente empregando un vehículo, tamén se poderán contemplar imaxes sobre paredes, fachadas e espazos do casco urbano ao longo da noite.
Realidade aumentada
Tamén da man de A.L. Crego, quen queira poderá ver distintos lugares de Ordes dun xeito novidoso. A través da App gratuíta Artivive App terá a posibilidade de contemplar distintos puntos da vila en realidade aumentada. Entre estes espazos e elementos figuran os muráis situados no IES Maruxa Mallo (INO), no Matadoiro (SR.X), nas rúas Recreo e Escolar (Malakkai), a fiestra lateral dereita da igrexa, traseira e pasarela do Concello, cartel informativo paseo fluvial Ramiro Recouso Liste, ademais dos flyers e carteis do festival (máis información n Facebook do festival e en www.desordescreativas.com).
Organizado polo Concello de Ordes esta iniciativa, que finalizará mañá domingo, está cofinanciada pola Deputación da Coruña, patrocinada por pinturas Proa e Loxam Hune. Tamén conta coa inestimable colaboración de Mutante (arte, deseño e comunicación).