Leva celebradas máis de 160 actividades nas que participaron preto de 130 empresas TIC e asistiron máis de mil empresas de todos os sectores produtivos
O Centro Demostrador TIC de Galicia, xestionado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), vén de integrarse na Rede Nacional de Centros Demostradores TIC, impulsada pola entidade pública estatal Red.es, e que se pon en marcha cos centros de Aragón, Andalucía, Extremadura e Castela a Mancha.
Coa creación desta Rede, búscase incrementar o valor do conxunto de Centros Públicos Demostradores existentes, proporcionando ás empresas ofertantes e demandantes de tecnoloxía un servizo de ámbito nacional. Ademais facilitará as sinerxias entre os centros para favorecer o desenvolvemento de proxectos conxuntos, permitirá compartir metodoloxías e boas prácticas e mellorar os servizos e capacidades dos Centros a través da transferencia de coñecementos. A Rede contará cun programa de impulso de actividades deseñado por Red.es.
Centro Demostrador TIC
Galicia conta desde 2011 co Centro Demostrador TIC, froito dun convenio de colaboración entre a Xunta e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es. O CDTIC, dependente da Amtega, entrou en funcionamento en 2011, asumindo o reto de converterse no escaparate tecnolóxico de Galicia, fomentando a interrelación entre a oferta do sector TIC e as empresas galegas.
O CDTIC organizou en tres anos máis de 160 actividades nas que participaron arredor de 130 empresas TIC colaboradoras con máis de mil empresas asistentes e máis de 3000 profesionais de diversos sectores ou autónomos. En total, impartíronse máis de 600 horas de formación TIC altamente especializada cun nivel de satisfacción entre as empresas moi elevado.
Entre os beneficios percibidos polo sector empresarial, cómpre destacar que o 45 % das empresas tecnolóxicas que presentaron solucións TIC no centro recibiu peticións de orzamento e o 26 % pechou, polo menos, un contrato. Por outra banda, entre as empresas demandantes que asistiron ao CDTIC, o 90 % accedeu a provedores e solucións TIC que non coñecía ata o seu paso polo centro e o 67 % afirma ter interese por implantar este tipo de solucións.
Ademais, puxéronse en marcha servizos como o Mapa de Capacidades Tecnolóxicas de Galicia, o MapaTIC.gal, plataforma web do Centro de mostrador TIC que dispón dun directorio categorizado de empresas, produtos e servizos tecnolóxicos. Unha ferramenta de gran utilidade cuxa información se ampliará ao longo deste ano.
Así mesmo, descentralizáronse as actividades do CDTIC a través de videoconferencias coas 98 aulas CeMIT existentes, publicáronse catálogos de provedores e solucións TIC sectoriais, e colaborouse cos principais axentes do sector TIC e do resto de sectores empresariais galegos.
O Centro Demostrador TIC ampliou recentemente a súa carteira de servizos para que pemes e autónomos poidan acceder máis facilmente á oferta tecnolóxica que existe no mercado. O Servizo de Consultas TIC, o Servizo CDTIC Virtual e o Servizo de Streaming, sumáronse desde finais de agosto ás actuacións que vén desenvolvendo o centro para unir a oferta TIC e a demanda dos restantes sectores empresariais galegos.