Friday 22 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño licita en 240.000 euros as obras de remodelación da Avenida Marqués de Figueroa


Este mediodía San Sadurniño celebrou dous plenos de carácter extraordinario con escasos minutos de separación entre un e outro. O primeiro levaba como único punto da orde do día a delegación na Alcaldía das competencias para iniciar o procedemento de contratación das obras de remodelación de toda a Avenida Marqués de Figueroa, cun valor estimado de 258.524,29 euros -a base de licitación son 240.626 euros xa co ive- e incluídas no POS+ 2018. Trala aprobación do asunto por unanimidade dos tres grupos, a área de Secretaría e Intervención publicou a media tarde no Perfil de Contratante municipal todos os pregos polos que se rexerá a contratación, para a que as empresas poderán presentar ofertas ata o día 5 de setembro. O outro pleno -convocado para as 13.30h.- saldouse sen acordos xa que na orde do día non ía incorporado ningún asunto nese sentido. A sesión solicitárona conxuntamente PP e PSOE para que o executivo local explicase, en primeiro lugar, a sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo nº1 de Ferrol relativa á anulación do convenio suscrito en 2007 coa Cooperativa de Explotación en Común de San Sadurniño. Na segunda parte da sesión os dous grupos da oposición pediron a “explicación e aclaración” do proceso de regularización catastral emprendido polo Ministerio de Facenda, coñecido comunmente como “catastrazo”.

A primeira sesión plenaria comezou ás 13.00h. e resolveuse en escasos catro minutos, o tempo que tardou en repasar o voceiro do BNG a proposta e o PSOE e mailo PP en anunciar o seu voto favorable, non sen antes expresar o seu malestar polo horario ao que se fixara o pleno.

A razón de que a licitación das obras en Marqués de Figueroa tivese que someterse á valoración da corporación responde ao importe da licitación, xa que supera nun 10% os recursos económicos ordinarios do Concello e, polo tanto, é competencia do pleno iniciar o procedemento de contratación. De aí que se convocase unha sesión extraordinaria e que se introducise pola vía da urxencia o punto da delegación desa competencia na alcaldía, co que se acurtan os tempos para comezar unha tramitación que, doutro xeito, debería agardar ao encontro ordinario do primeiro de setembro.

Unha vez obtido o beneplácito plenario por unanimidade, os servizos técnicos municipais traballaron ata ben entrada a tarde para publicar na Plataforma de Contratación do Sector Público todos os pregos necesarios para que as empresas poidan formalizar as súas ofertas que, de acordo cos recentes cambios normativos, han de presentarse por vía electrónica.

O prezo da licitación das obras ascende a algo máis de 240.000 euros, ive incluído, e o prazo de presentación de propostas finaliza o próximo 5 de setembro. Trátase dun contrato financiado con cargo ao POS+ 2018 co que se levará a cabo un dos proxectos máis ambiciosos dos últimos anos: a renovación do firme en toda a Avenida Marqués de Figueroa, desde a súa conexión coa estrada de Ortigueira ata o Campo da Feira, así como a substitución das beirarrúas desde o CPI ata máis alá da Capela do Belén.

A documentación técnica publicada hoxe polo Concello especifica que en todo este trazado se aplicará unha nova capa de rodadura a base de microaglomerado asfáltico. Tamén se cambiarán as beirarrúas deixando espazo para a plantación de case unha trintena de árbores, aproveitando para colocar pantallas de madeira para ocultar os colectores do lixo. O deseño inclúe a delimitación do tráfico ao pé da capela usando para iso formigón impreso e incluso se contempla a prolongación das beirarrúas xusto ata a saída do núcleo urbano, tanto en sentido Lamas como en sentido Silvalonga.

Malia que para que o comezo destas obras aínda fai falla que se complete o proceso de contratación, os traballos en Marqués de Figueroa xa comezarán dentro duns días con cargo a outro proxecto financiado co POS+ Adicional de 2017, a través do que se executarán as beirarrúas non contempladas no contrato licitado hoxe, é dicir, o tramo que vai desde o colexio ata a AC-862.

Pleno solicitado pola oposición
Isto foi o que deu de si a primeira sesión plenaria do día, que foi seguida doutra -tamén extraordinaria- solicitada conxuntanmente polo PP e o PSOE. Os dous grupos municipais incorporaron na solicitude dous asuntos que non levaban implícita ningunha proposta de acordo, senón que tiñan por obxectivo falar do percorrido xudicial da resolución do convenio urbanístico suscrito en 2007 coa Cooperativa de Explotación en Común de San Sadurniño -resolto en 2015- e tamén instar ao goberno local para que explicase o “catastrazo” impulsado polo Ministerio de Facenda.

Foi a primeira cuestión a que máis tempo ocupou dos case 50 minutos que durou o pleno. A primeira en intervir foi a voceira do PSOE, Yolanda Vázquez, para repasar o cronograma do asunto da Cooperativa que, como se recordará, asinou co Concello un convenio para que este dispuxese dos terreos necesarios para construír o centro de día e maila escola infantil. A cambio, a Cooperativa vería modificada a cualificación urbanística doutras leiras da súa propiedade dentro do novo planeamento xeral. O acordo tiña un prazo de caducidade de 5 anos, tempo que se cumpriu sen que o PXOM estivese aprobado e tempo tamén no que a cooperativa entrou en liquidación.

Cumprido o prazo, o Concello tentou manter o espírito do convenio e, nese sentido, mantivo negociacións coa parte liquidadora da entidade que, porén, rexeitou proseguir co acordo e reclamou da administración local unha indemnización de 1.5 millóns de euros pola ocupación dos terreos e como compensación polas hipotéticas perdas económicas que se producían ao non terse modificado a cualificación urbanística das outras leiras propiedade da cooperativa. Nese punto, e seguindo as recomendacións do Consello Consultivo de Galicia, o Concello levou a pleno en 2015 a resolución do convenio, acordando ademais a devolución dos terreos non ocupados. Foi nese momento cando a cuestión foi levada polos liquidadores ao Xulgado do Contencioso Administrativo nº 1 de Ferrol.

A xuíza deu por boa a actuación do Concello ao resolver o convenio, aínda que tamén considera que a administración debe indemnizar á cooperativa con 504.000 euros máis os xuros correspondentes, fundamentando a contía nunha valoración pericial referida aos prezos da terra no concello de Narón en 2014 e na suposta imposibilidade de restituírlle “in natura” á cooperativa a terra non ocupada que, tal e como se explicou no pleno de hoxe -no caso da parte urbana- foi segregada en dúas parcelas antes de cederllas á Xunta para executar o centro de día e a Galescola que finalmente non se chegou a edificar. A sentenza do Contencioso está recorrida perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia polo que, de momento, non é firme. O recurso municipal sostén que o prezo marcado pola xuíza é superior ao valor real das terras e tamén que a parcela urbana non ocupada -arredor do 60% do total con esa cualificación- si podería ser devolta, o que variaría sustancialmente o importe da indemnización á que houbese lugar.

O PSOE lembrou que no seu día apoiou o convenio, aínda que tamén citou a súa abstención no momento en que se votou a resolución do convenio e todos os pronunciamentos plenarios que viñeron despois con respecto a este asunto. A voceira socialista interesouse tamén en coñecer que parte da finca tiña intención de devolver o Concello.

Pola súa banda, o PP obviou o repaso dos antecedentes que xa fixera o PSOE para meterse directamente nos reproches á actuación do executivo e en como se xestionara a cuestión do convenio desde os seus inicios. María Belén Trigo cualificouno de “chapuza” e “despropósito” que, segundo asegurou, lle xera unha débeda “de récord” ao Concello. Parte da súa exposición centrouse en criticar que o convenio non contase con informes favorables (nin tampouco en contrario) da secretaría municipal e que ao acordo non tivese a correspondente exposición pública.

Argumentos que Secundino García rebatiu indicando, en primeiro lugar, que San Sadurniño “ten cero euros de débeda” para, deseguido, insistir en que o Secretario municipal non informou negativamente sobre o acordo alcanzado coa cooperativa, como sería preceptivo de existir algunha ilegalidade. O alcalde desmentiu tamén que ao acordo non se lle dera publicidade, posto que a aprobación plenaria do convenio en 2007 non foi recorrida por ninguén nin tampouco se presentou alegación algunha ao seu contido, reflectido na documentación da aprobación inicial do PXOM.

Na súa quenda de intervención, o portavoz do BNG, Suso Soto, acusou ao PP e o PSOE de utilizar a convocatoria do pleno extraordinario para “montar un circo” cun tema sobre o que non hai nada novo con respecto á anterior sesión, agás o feito de que recentemente se presentase o recurso perante o TSXG. Soto criticou que os grupos da oposición quixesen “desgastar o goberno” e instounos a que o fixesen “con ética, non contando mentiras”, ademais de acusalos de “insinuar ilegalidades e chafulladas” que, de ser certas, deberían ser advertidas polo Secretario municipal, quen non emitiu en ningún momento “informes en contrario” ou “reparos” contra a actuación do goberno en todo este proceso.

“Catastrazo”
A última parte do pleno extraordinario convocado a instancias da petición conxunta de PP e PSOE centrouse en falar do “catastrazo”, aínda que, segundo se desprende do audio da sesión, a intención dos grupos da oposición era falar dos valores do IBI. Porén, atendendo á orde do día suscrita polos populares e a representante socialista, o alcalde seguiu a literalidade do solicitado por eles e explicou que o “catastrazo” -nome co que se coñece comunmente a regularización de bens emprendida de oficio polo Ministerio de Facenda- non foi un proceso iniciado por solicitude municipal. Neste sentido, o alcalde mostrou unha comunicación da Dirección Xeral do Catastro onde se informaba da regularización, que implica un custe de 60€ máis os atrasos na “contribución” para as persoas afectadas.

O alcalde matizoulle á concelleira do PP que eses 60 euros “non os cobra o Concello, cóbraos o Ministerio de Facenda por facer o traballo” e lembroulle que a administración local puxo en marcha unha oficina de asesoramento gratuíto para que a veciñanza puidese alegar, principalmente no referido a instalacións agropecuarias. Pola súa banda, María Belén Trigo -malia non estar de acordo coa alta de instalacións agrícolas e gandeiras- asegurou que “ninguén se pode queixar” pola regularización, habida conta de que “hai que declarar (ao Catastro) as cousas que temos feitas”. Aclarado este tema, a concelleira do PP preguntou se a regularización feita hai catro anos en San Sadurniño -encargada á empresa Xestega- influiu na suba da contribución ao ano seguinte. Un extremo desmentido polo alcalde, quen lembrou que o 31 de decembro de 2011 foi o goberno de Mariano Rajoy quen “aprobou de oficio a suba da contribución un 10% durante varios anos”.

O pleno finalizou coa intervención de Suso Soto, quen enumerou as cifras da regularización catastral en San Sadurniño facilitados pola Dirección Xeral, sinalando que houbo 651 expedientes de regularización que lle afectaron a 987 inmobles.