Sunday 24 de November de 2024

Concello de San Sadurniño e Deputación sentan falar sobre o finanzamento da atención domiciliaria


A presidenta da Comisión de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade de Xénero da Deputación da Coruña, Ánxela Franco, visitou este mediodía San Sadurniño para coñecer de primeira man as políticas nestes ámbitos que se desenvolven en San Sadurniño. A deputada provincial achegouse á Escola Infantil Municipal A Rolada e tamén ao Centro de Día tras manter un encontro coa traballadora social, Cristina Paz, co alcalde e co responsable político da área, Suso Soto. A xuntanza serviu para intercambiar impresións ao respecto das prestacións sociocomunitarias soportadas polos municipios e, nomeadamente, sobre a posibilidade dunha maior implicación provincial no finanzamento do Servizo de Axuda no Fogar e a prestación de atención domiciliaria a persoas dependentes, polo menos no caso daqueles municipios que -coma San Sadurniño- os xestionan con persoal propio.

As macrocifras da atención social no noso concello apuntan a que este capítulo supón máis de 600.000 euros anuais, o 25% do orzamento municipal. Un importe co que se sosteñen os servizos de benestar e igualdade e, principalmente, a atención domiciliaria prestada polo SAF, aínda que nesa contía tamén cómpre contar o cofinanciamento do Centro de Día que, malia ser de titulariedade autonómica, leva 50.000 euros anuais de achega municipal.

A radiografía dos servizos sociocomunitarios indica tamén que o Concello asume a metade dos custes con recursos propios, mentres que a outra metade conta con axudas da Xunta á dependencia e tamén da Deputación para o finanzamento do Servizo de Axuda no Fogar en libre concorrencia (por solicitude das persoas usuarias). Ocorre que, entre os importes que asumen as usuarias e a colaboración das outras administracións, o servizo é deficitario en termos económicos.

Tal e como explica Suso Soto “San Sadurniño presta directamente a atención domiciliaria, con persoal propio. Que as profesionais do SAF sexan empregadas municipais é unha aposta política que consideramos irrenunciable. Cremos que así o servizo se lle ofrece á veciñanza en mellores condicións aínda que os custes do seu mantemento sexan tamén máis elevados”.

A este respecto, o responsable municipal de Servizos Sociais precisa que a atención a persoas dependentes ou usuarias do Servizo de Axuda no Fogar “cústalle ao Concello uns 16€ por hora” e que as axudas á dependencia da Xunta “só cobren 9,70€”, mentres que as achegas provinciais para o SAF andan entorno aos 12€/hora. “Con respecto ao que dá a Xunta, o Concello ten que poñer a maiores case 7€ por cada hora de servizo prestado. E se miramos a subvención provincial o esforzo económico é algo menor, duns 4 euros, pero igualmente difícil de soster nun contexto en que a normativa estatal nos impide destinar máis crédito propio a este apartado sen incumprir coa regra de gasto e o equilibrio orzamentario”.

Esta situación -común nas entidades locais galegas, especialmente nas rurais- élles máis levadeira desde o punto de vista económico a aqueles concellos que teñen os servizos privatizados. “Nestes momentos a media por hora do servizo xestionado por empresas privadas anda nos 12,50€. É máis barato, si, pero tamén hai que ter en conta que a situación e as condicións laborais dos seus traballadores e traballadoras non son as mesmas que as dunha persoa que é empregada municipal”.

Dáse a circunstancia, segundo comenta Soto, de que “en moitos concellos” que teñen a atención social en mans privadas “as axudas da Xunta e a Deputación cubren o gasto nunha alta porcentaxe porque o prezo de referencia da hora márcano as empresas do sector, onde está á orde do día a vulneración de dereitos laborais e onde, polo xeral, o persoal traballa moito máis tempo do que realmente cobra a fin de mes”. “É unha situación inxusta -prosegue o concelleiro- que ademais crea un agravio comparativo con aqueles municipios que, igual que nós, xestionamos directamente un servizo tan importante”.

Todos estes argumentos centraron grande parte do encontro de hoxe coa responsable provincial do ramo, Ánxela Franco, a quen se lle propuxo que a Deputación da Coruña “estude fórmulas” de cara a incluír no Plan Comunitario de Servizos sociais algún tipo de discriminación positiva que favoreza aos municipios que administran directamente o Servizo de Axuda no Fogar. Na mesma liña, Franco tamén anotou a proposta de que o plan do que se nutre a colaboración social Deputación-concellos poida reservar unha parte para axudar no cofinanciamento dos centros de día dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, obrigatorio desde o ano pasado tras un acordo suscrito entre a Xunta e a FEGAMP.