Thursday 21 de November de 2024

A Xunta de Galicia reitera o seu apoio ás mulleres estranxeiras vítimas da violencia de xénero e de explotación sexual


A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, inaugurou en Ferrol a Xornada “Muller, migracións e violencias”

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, inaugurou en Ferrol a Xornada “Muller, migracións e violencias”, onde destacou o apoio da Xunta ás mulleres estranxeiras vítimas de violencia de xénero e de explotación sexual.

No acto tamén participaron a concelleira de Igualdade de Ferrol, Verónica Casal, a súa homóloga en Narón, Teresa Sabio, e Vladimir Papuel, presidente da Asociación Rumiñahui Hispano Ecuatoriana, organizadora do evento.

A titular da Igualdade incidiu en que todas as mulleres teñen os mesmos dereitos, con independencia da súa orixe, relixión ou calquera outra circunstancia persoal ou social. Así mesmo o recolle a Lei de medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero, na que se aborda a situación específica das mulleres estranxeiras.

Por iso, agradeceu a pertinencia de ter organizado unha xornada como a de hoxe, especialmente cando a fai unha asociación que leva 17 anos traballando na prevención da violencia de xénero nas mulleres estranxeiras e que é vogal no Observatorio Estatal da Violencia de Xénero contra a Muller.

Axuda para “romper o silencio”
López Abella recoñeceu a dificultade das mulleres para dar o paso de denunciar ao seu agresor, pero lembroulles que non están soas nese duro trance e que as institucións, neste caso o Goberno galego, contan con medios e recursos para que “rompan o seu silencio” e abandonen o círculo da violencia na que se atopan inmersas.

Entre estes recursos, referiuse ás axudas económicas que, de xeito pioneiro, o Goberno galego puxo en marcha para que as mulleres vítimas de maltrato poidan ter unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do seu agresor. Das 358 mulleres que percibiron unha axuda deste tipo o ano pasado, 69, o 19 por cento, eran de nacionalidade estranxeira.

Tamén se referiu á Rede de Acollemento de Galicia, onde o ano pasado se atendeu a máis de cen mulleres estranxeiras entre as cinco casas de acollida e o Centro de Emerxencias de Vigo. Nas vivendas de seguridade para vítimas de explotación sexual e trata ofrecéuselle acubillo a 54 mulleres estranxeiras e aos seus fillos e fillas.

Respecto desta última problemática, a secretaria xeral subliñou que se trata doutra forma desprezable de exercer a violencia de xénero contra as mulleres e lembrou que o Goberno galego colabora con once ONGs especializadas en programas de atención a mulleres en situación de prostitución e/ou trata con fins de explotación sexual. Grazas a estes programas o ano pasado puido atenderse a 5.153 mulleres, máis do 90 por cento estranxeiras.

Mulleres estranxeiras vítimas da violencia machista
A secretaria xeral aportou algúns datos estatísticos sobre a incidencia da violencia de xénero nas mulleres estranxeiras tanto a nivel estatal como en Galicia. No que levamos de ano, 45 mulleres foron asasinadas vítimas da violencia machista, destas 13, o 29 por cento, eran estranxeiras. En Galicia a proporción é menor. Desde o ano 2009 morreron asasinadas 21 mulleres, 2 delas -o 9,5 por cento- non eran españolas.

Ademais, segundo datos do Consello Xeral do Poder Xudicial en 2013 presentáronse 124.894 denuncias por violencia de xénero, 40.765, o 33 por cento, eran de mulleres estranxeiras. Unha porcentaxe similar dáse nas ordes de protección. Das 32.831 que se ditaron o ano pasado, 9.936, o 30 por cento, tamén correspondías a mulleres de fóra.