Friday 22 de November de 2024

O Executivo proporá investir 1,7 millóns de euros en realizar 23 actuacións con cargo ao remanente de tesourería


E dedicar preto de dous millóns de euros a reducir débeda

O Executivo do Concello de Riveira atópase nestes momentos perfilando os números para emprender con cargo ao remanente de tesourería un total de 23 actuacións no municipio ata sumar aproximadamente un 1,7 millóns de euros, coa intención de levar este asunto a un pleno extraordinario que se desenvolvería na segunda quincena deste mes de agosto.

Ademais desta relación de obras, boa parte delas dirixidas a dar cumprimento a compromisos adoptados polo pleno da Corporación, dedicaríanse case dous millóns de euros á redución de débeda.

A listaxe de obras que se prevé incluír no remanente e os seus importes aproximados son:

1. Beirarrúas na Capela (Carreira): 40.000 €.
2. Renovación do pavimento e servizos na rúa Curros Enríquez e transversais (Santa Uxía): 163.000 €.
3. Pavimentación do camiño Castro-Vilar (Carreira): 31.000 €
4. Pavimentación de camiños en Areeiros (Castiñeiras): 26.000 €.
5. Pavimentación da estrada de Fafián (Santa Uxía): 46.000 €.
6. Pavimentación da rúa Irmandiños (Santa Uxía): 28.000 €.
7. Instalación da rede de pluviais na rúa Sidreiras (Santa Uxía): 26.000 €.
8. Saneamentos en Sirves (Olveira): 70.000 €.
9. Pavimentación das rúas Rosalía de Castro e rúa de Lugo (244.000 €).
10. Línea de pluviais de Arribas (Artes): 64.000 €.
11. Renovación de servizos na rúa Alcalde Fernández Bermúdez (Santa Uxía): 84.000 €.
12. Paso superior río Listres (Castiñeiras-Aguiño): 195.000 €.
13. Aglomerado da rúa Remedios (Santa Uxía): 15.000 €.
14. Instalación de liña de pluviais no entorno do cruce do Vilar (Carreira): 36.000 €.
15. Arranxo da rúa das Escaleiras de Deán (Santa Uxía): 20.000 €.
16. Acondicionamento do porto de Palmeira: 120.000 €.
17. Instalación de rede de saneamento con pozo de bombeo en Carballal (Palmeira): 56.000 €.
18. Instalación de rede de saneamento e de abastecemento na Carballa (Palmeira): 70.000 €
19. Pavimentacións en Oleiros: 50.000 €.
20. Aglomerados en Bretal (Olveira): 20.000 €.
21. Ampliación do centro social de Corrubedo (130.000 €).
22. Renovación da rúa Insuabela (Aguiño): 180.000 €.
23. Acondicionamento do cauce do río Listres (Castiñeiras-Aguiño): 30.000 €.

Cómpre informar de que hai outros compromisos plenarios que serán satisfeitos noutras partidas, como por exemplo unha obra de saneamento en Vixán que está incluída nunha subvención do parque natural ou a pavimentación de Agro do Pinche que se executará con cargos aos orzamentos do 2018.