O campo da Veiga, en Naraío, será escenario este domingo a partir das 19.00h. dun novo clásico entre o equipo local, a UDC Narahío, e o CF San Sadurniño. No recinto disputarase o XXVI Trofeo de fútbol Concello de San Sadurniño, cita que promete un derbi apaixoante e que, ademais, lles servirá a ambos clubes para ir poñendo a punto as súas respectivas escuadras de cara á temporada ligueira que arranca o 16 de setembro. Este ano os dous equipos volven cadrar no mesmo grupo da 2ª Galicia -dentro da Segunda Autonómica- e seguramente nos ofrezan un grande espectáculo deportivo nun trofeo municipal que nas dúas últimas edicións quedou en Naraío. Este será un dos alicientes da fin de semana en que a parroquia anfitrioa celebra o seu patrón, o San Roque, o domingo 12 e o luns 13. Tamén estarán de festa en Santa Mariña do Monte, onde honrarán á Nosa Señora da Esperanza o sábado e mailo domingo.
A configuración da liga 2018-2019 volveu xuntar no mesmo grupo da 2ª Galicia ao San Sadurniño e ao Narahío, que en 2016 e 2017 estiveran separados nos primeiros compases da competición. Canda eles xogarán o Monfero, o Maniños B, O Estrella, o Barallobre, o Cebarca, o Perlío e máis o Vilarmaior, mentres que ao Grupo A da 2º Galicia -liguiña de Ferrolterra incluída na 2ª autonómica- foron parar, entre outros, o Capela e o Moeche, equipos que sempre garanten boas entradas tanto na Veiga como no campo d’Os Currás.
Como queira que sexa, o Sansa e maila UDC Narahío levan xa varias semanas de adestramentos e renovacións para afinar cadansúa plantilla. A primeira proba para a maquinaria será o trofeo deste domingo. Tras xogarse en 2015 como un triangular, desde 2016 a competición dispútase a un único partido e cos dous equipos de aquí como protagonistas. Ese ano e tamén o pasado a vencedora foi a UDC Narahío, polo que, seguramente, o CF San Sadurniño saltará ao terreo de xogo cun plus de afouteza que lle asegure, desta vez si, levar a copa para a súa vitrina. Algo ao que lle axudará con toda seguridade a xuventude da plantilla e o feito de nutrirse en boa medida da súa propia base.
Pola súa banda, o club que xogará como local preséntase cun grupo moi renovado que xunta deportistas veteráns curtidos noutros equipos con outros de sangue máis novo, quizais con algo menos de experiencia no fundamental xogo psicolóxico que requiren os campos da 2ª, pero con sobrado potencial físico e técnico.
O derbi está servido para as 19.00h. e con espectáculo asegurado, tal e como demostra a experiencia de todos os enfrontamentos entre os dous equipos de San Sadurniño, sempre presididos no campo pola deportividade e por unha rivalidade sá.
Días de festa en Naraío e en Santa Mariña
O XXVI Trofeo de fútbol Concello de San Sadurniño coincide co primeiro día do “patrón” en Naraío. A parroquia honra ao San Roque comezando xa pola mañá coas alboradas a cargo dun grupo de gaitas que practicamente conectará coa procesión da misa de mediodía -13.00h.-. Deseguido actuará no campo da festa a orquestra Principal, que pola noite se medirá con Claxxon, unha das grandes revelacións da temporada cos seus clásicos dos 80 e 90.
No segundo día do San Roque, luns 13, volverá haber misa e procesión ás 13.00h. e despois sesión vermú coa orquestra Xacobeo. O grupo tamén animará a verbena nocturna na compaña d’os Satélites.
Quen guste das verbenas poderá comezar a fin de semana festeira o sábado 11 en Santa Mariña do Monte, onde homenaxean a Santa María -Nosa Señora da Esperanza- xusto ao carón da capela do mesmo nome. Os festexos arrancarán ás 13.00h. cunha misa solemne e a posterior procesión, seguida á súa vez pola sesión vermú a cargo da orquestra Alaska. Esta formación estará acompañada pola noite, durante a verbena, polo Dúo D’Ases.
O segundo día das festas, o domingo 12, a Esperanza só terá sesión vermú, precedida da misa e a procesión ao redor da capela. Se o tempo acompaña, os actos litúrxicos desenvolveranse ao aire libre. Da parte musical encargaranse de novo Vanesa Ramil e Macarena Tejada, integrantes do exitoso e solvente Dúo D’Ases.