Thursday 21 de November de 2024

Dúas mozas europeas participarán no programa de voluntariado do Concello de Lousame durante nove meses


A ucraína Oskana Kalinichenko e a rusa Iuliia Bautdinova participarán en diversas actividades promovidas pola administración local

A concelleira de Xuventude lousamiá, María Regenjo, presidiu xunto co técnico de Xuventude, José Manuel Outeiral, a recepción e presentación oficial das dúas mozas europeas que participarán durante os próximos nove meses no programa de voluntariado do Concello de Lousame. “Tras a boa experiencia anterior, este ano decidimos continuar con este proxecto de voluntariado europeo, aumentando o número de meses de estancia, pasando de seis a nove. Agardamos que durante este período de tempo, as dúas voluntarias teñan a oportunidade de aprender moito e de quedar cun excelente recordo do noso municipio”, explicou a concelleira.

Tanto Oskana Kalinichenko, de 22 anos e nacionalidade ucraína, como Iuliia Bautdinova, da mesma idade e procedente de Rusia, chegaron o pasado 23 de xullo á Lousame para participaren no proxecto Voluntariado no rural: participación e promoción. Así, ata o próximo 23 de abril, ambas as dúas colaborarán en diversas accións promovidas polo Concello de Lousame. Entre elas, atópanse, tal e como indicou María Regenjo, “actividades de voluntariado de tipo cultural –teatro, sesións de contacontos…-, colaboración co departamento de Servizos Sociais –no centro de día ou no Punto de Atención á Infancia-, ou a organización da próxima carreira popular”.

A concelleira de Xuventude lembrou que “Lousame está inscrito como Concello de envío e recepción de voluntarios europeos, polo que aqueles mozos e mozas que queiran vivir esta experiencia poden contactar connosco para participar neste tipo de programas”. Neste senso, animou á mocidade lousamiá a sumarse a este tipo de iniciativas que promoven a mobilidade dos mozos a mozas europeos.

O proxecto Voluntariado no rural: participación e promoción é posible grazas á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, a quen a edil lousamiá agradeceu o seu apoio. As organizacións de envío das dúas voluntarias son Kharkiv non governmental association for active youth Stella, no caso da ucraína, e SFERA Movement, no da rusa.