Thursday 21 de November de 2024

Nava Castro salienta o crecemento do turismo internacional, que superou xa o millón de viaxeiros aloxados


A directora explicou o modelo de desenvolvemento turístico de Galicia, que ten como obxectivo o incremento da competitividade das empresas turísticas, en particular, e do destino Galicia, en xeral, a través de políticas turísticas sostibles e innovadoras

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na mesa redonda “Turismo, motor de cambio e crecemento” do I Encontro entre Empresas e Concellos, que tivo lugar no Recinto Feiral de Expocoruña.

A directora de Turismo de Galicia estivo acompañada na mesa redonda pola concelleira de Turismo do Concello da Coruña, Mª Luisa Cid, a concelleira de Turismo do Concello de Ferrol, Mª del Carmen García e o presidente de Educatur, Domènec Biosca, e foi moderada polo director da área de Desenvolvemento Económico, Turismo e Medio Ambiente.

Durante a súa intervención, Nava Castro destacou que o turismo é unha das industrias máis importantes da nosa comunidade e un dos sectores que máis está sendo capaz de xerar emprego en Galicia. Neste senso, a directora de Turismo de Galicia explicou que a actividade xerada polo turismo no noso país ascende a máis de 6 mil millóns de euros, o que representa o 10,6% do PIB, mentres que as actividades características do turismo recollen o 11,23% do total de emprego.

Do mesmo xeito, Nava Castro salientou os datos publicados hoxe polo Instituto Nacional de Estatística, que mostran un incremento no volume de viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros galegos en outubro do 15,5% e no volume de pernoctacións do 13,7%. “Con estes incrementos Galicia liderou o crecemento na cifra de viaxeiros e, xunto con Murcia, foi a comunidade cun incremento mais acusado na cifra de pernoitas”, explicou a directora de Turismo de Galicia. “É salientable tamén o aumento producido no turismo internacional, que no pasado mes de outubro tivo un incremento do 22,3% e no que vai de ano superou o millón de viaxeiros aloxados”, salientou Nava Castro. “Deste modo continúa a senda trazada nestes últimos meses, marcando neste mes novamente máximos históricos tanto de volume como de peso no conxunto da demanda”, engadiu.

Tal e como explicou Nava Castro durante a súa intervención, con estes datos superáronse xa algúns dos retos previstos no Plan Integral de Turismo de Galicia para o 2016, como son o número de viaxeiros estranxeiros e o gasto total dos turistas internacionais.

Ademais, a directora de Turismo de Galicia expuxo o modelo de desenvolvemento turístico da comunidade, destacando a importancia do aproveitamento eficiente e sostible dos recursos endóxenos, dos que destacou o Camiño de Santiago, o patrimonio cultural e natural, a auga e o termalismo e a enogastronomía. “Estes recursos son os que nos fan únicos, os que nos diferencian doutros destinos competidores e os que nos caracterizan como territorio”, afirmou.

En relación ao Plan Integral de Turismo de Galicia, Nava Castro sinalou que busca xerar un efecto dinamizador na economía galega, a través do sector turístico, e unha proxección internacional da nosa comunidade, tendo presente a innovación e a competividade como criterios clave e a diferenciación e a participación como motores de desenvolvemento.

Nava Castro concluíu afirmando que o modelo de desenvolvemento turístico de Galicia baséase no incremento da competitividade das empresas turísticas, en particular, e do destino Galicia, en xeral, a través da adopción de políticas turísticas que fomenten o desenvolvemento sostible con criterios innovadores.