Friday 22 de November de 2024

O titular da Xunta presidiu o acto de entrega do IX Premio Familia Empresaria de Galicia


Feijóo destaca o esforzo da Xunta na procura de escenarios idóneos para fomentar o emprendemento, falicitando o financiamento, contactos con outros paises e cunha axenda da competitividade industrial

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o esforzo do Goberno galego na procura de escenarios idóneos para fomentar o emprendemento, facilitando o financiamento, promovendo os contactos co Goberno central e cos gobernos doutros países e cunha Axenda da competitividade industrial.

Durante o acto de entrega do IX Premio Familia Empresaria de Galicia a Luis Fernández Somoza, Feijóo subliñou que casos como o do premiado poñen de manifesto a importancia que o espírito emprendedor ten para esta terra; pero tamén a obriga que teñen as institucións na procura dos escenarios para que ese espírito se traduza en feitos: en empresas, en investimento, en riqueza e, o máis importante, en emprego.

Nesta liña, aseverou que o Goberno galego está a cumprir con esa obriga: “Así o intentamos facer cando no 2009 trasladamos unha mensaxe da necesidade de controlar o déficit; cando promovemos unha Lei do emprendedor, que introduciu unha dedución fiscal do 95% no Imposto sobre sucesións e doazóns; ou cando aprobamos un cambio normativo para favorecer o relevo xeracional, especialmente no comercio, dando resposta a unha reivindicación histórica”.

Así mesmo, asegurou que os Orzamentos de 2015 continúan o camiño dos anos anteriores, promovendo bonificacións fiscais nas transmisións de empresas por un valor aproximado de 7 millóns de euros. E garantiu o traballo do Executivo autonómico na Estratexia de internacionalización e na recentemente aprobada Axenda de competitividade industrial: a Galicia-Industria 4.0, coa meta da creación, entre 2015 e 2020, de 50.000 novos empregos e un aumento do peso da industria que lle permita acadar o 20% do PIB.

Neste contexto, o presidente da Xunta destacou, como principais medidas incluídas na Axenda, que o Goberno galego porá á venda un millón de metros cadrados de solo industrial propiedade da Comunidade, con descontos de entre o 50% – en todas as propiedades da Xunta na provincia de Ourense, na provincia de Lugo, Costa da Morte, Ferrolterra e nos concellos limítrofes con Portugal- e o 15%.

Ademais da rebaixa no acceso ao solo industrial, salientou a aposta por mellorar a formación dos traballadores, a través da Formación Profesional.

O responsable do Executivo autonómico concluíu insistindo no papel das empresas. “Sen elas non hai despegue económico”, aseverou, logo de referirse a elas como “sustentadoras do presente e portadoras da esperanza no futuro”.