Friday 22 de November de 2024

O Mercado de Moeche dálle entrada aos artigos de segunda man


O Mercado de Moeche confirmouse xa como un referente para mercar pan, doces, queixos, froitos da terra, peixe e marisco fresco, chacinas… e agora o Concello quere dar un paso máis ampliando a oferta tamén con artigos de segunda man, un tipo de vendas que, segundo parece, funcionan bastante ben neste tipo de eventos comerciais de proximidade. De momento vaise facer a proba dúas veces no mes empezando xa este sábado cun posto montado por tres mozas de Moeche que traerán á antiga nave dos tecidos unha chea de cousas: roupa, calzado, obxectos decorativos, etc. E, se a cousa funciona, no futuro podería reservarse máis espazo para a este tipo de mercadoría. Iso si, dándolle sempre prioridade a entidades non lucrativas e á veciñanza do municipio.

Para poder poñer un posto de artigos de segunda man será necesario solicitalo no departamento de Desenvolvemento local, ben pasando polo Concello ou chamando ao 981 404 006, ou ben remitindo unha mensaxe a correo@moeche.gal indicando o tipo de expositor que se quere montar, con que produtos á venda e tamén o número de teléfono e o nome da persoa de contacto.

A intención municipal é saber se este tipo de oferta tería cabida nos mercados que se desenvolven os sábados. Ese é o motivo de que, polo de agora, só se reserve espazo para dúas das catro citas que adoita haber no mes. Dependendo da aceptación que haxa, o Concello estudará se se amplía a frecuencia e tamén o número de postos. “Imos probar a ver. Noutros sitios parece que a segunda man funciona ben e aquí tamén pode axudar a darlle máis variedade á oferta do mercado”, comenta Beatriz Bascoy.

As primeiras que van probar son tres rapazas de Labacengos, que levarán este sábado un surtido de roupa formal e informal, pequenos aparellos en bo estado e obxectos decorativos desexosos de cambiar de mans a moi bo prezo.

Desde o Concello explícase que esta nova opción do mercado “está aberta a calquera persoa ou entidade” que queira vender este tipo de artigos. Con todo, tamén se puntualiza que terán prioridade sempre aqueles postos montados por asociacións veciñais e entidades non lucrativas do territorio, así como as solicitudes formalizadas por persoas do municipio.

Máis propostas para a fin de semana
Ademais desta novidade que presenta o mercado do sábado tamén temos que lembrar que proseguen as visitas teatralizadas polo castelo dos venres ás 21.00h. cos Quinquilláns e as rutas xeolóxicas, que este domingo pola mañá volverán meternos en Mina Piquito. O cupo está cuberto, pero xa está aberto o prazo para inscribirse na seguinte xeoruta -a do toelo do mércores 15- e o sábado tamén abrirá un novo período para reservar a próxima entrada na antiga mina de cobre, prevista para o día 18.

Hai que apuntarse chamando ao Concello -981 404 006- ou a través do formulario dispoñible no blog rutasxeoloxicasdegalicia.blogspot.com. No caso de Mina Piquito hai 20 prazas por visita, divididas en dous grupos de dez persoas. O custe do acceso ás galerías son 10€, que inclúen o seguro e as explicacións do guía, o xeólogo Francisco Canosa. Para a última ruta do toelo -a do día 15- aínda hai sitio e o prezo son 6€.

Dentro da programación de lecer aínda nos queda unha cita por nomear: o xantar organizado este sábado pola Asociación Val de Moeche. A área recreativa de Soutogrande acollerá a partir das 14.00h. o tradicional encontro veciñal, no que se servirá un menú a base de paella complementado con bebida, sobremesa, café e chupiño. O prazo de inscrición rematou hai uns días, pero se alguén quere probar a ver se queda oco -case seguro que si- pode chamar ao 696 944 914. O prezo do prato son 10€ para persoas socias e 14€ para non socias. A rapazada menor de 12 anos, de balde. A xornada contará coa animación musical de Marisol Novo.