Friday 22 de November de 2024

Medio Ambiente subliña a implicación cada vez maior dos galegos á hora de garantir a sustentabilidade das súas festas de verán


A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira, participou na entrega de premios do concurso ‘Rasca e Gaña’ que puxo en marcha na cidade da Coruña con motivo do San Xoán
Os esforzos para fomentar a reciclaxe nos múltiples eventos festivos que se celebran en verán en Galicia e as campañas de sensibilización impulsadas pola Xunta están a dar os seus froitos grazas á cada vez maior implicación da cidadanía. Así o subliñou a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira, na entrega de premios do concurso Rasca e Gaña que se levou a cabo na Coruña durante o San Xoán no marco da campaña da Consellería de Medio Ambiente para promover eventos e festas sustentables no conxunto da comunidade.

A Xunta estase a apoiar nos distintos eventos festivos que se celebran en Galicia, particularmente nos meses de verán, como un escaparate inmellorable para impulsar estratexias vinculadas á economía circular e ao fomento da responsabilidade social e medioambiental.

Con este tipo de accións, impulsadas en colaboración con Ecovidrio, Ecoembes e os concellos participantes, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio pretende concienciar aos galegos a ás persoas procedentes de fóra da comunidade da necesidade de reciclar e de manter actitudes respectuosas co medio ambiente. Así, segundo explicou a directora xeral, o Goberno galego atopou nas citas de maior afluencia de público unha boa maneira de implicar á sociedade na procura da excelencia da calidade ambiental.

No caso concreto da campaña de recollida de vidro con motivo do San Xoán en A Coruña, festa de interese turístico internacional na que se estima que participaron este ano máis de 150.000 persoas, recolléronse nas seis praias nas que se focalizaron as accións un total de 23,4 toneladas de vidro, cantidade moi superior ás 13 toneladas recicladas neste mesmo evento en 2017.

Esta é a segunda ocasión na que a Consellería de Medio Ambiente e Ecovidrio colaboran nesta campaña especial en A Coruña durante o San Xoán, para a cal despregaron na cidade un servizo de ecopatrullas con monitores especializados, repartiron varios iglús polas rúas e cubos especiais entre os hostaleiros colaboradores e lanzaron o concurso Rasca e Gaña para concienciar sobre a correcta recollida deste tipo de envases.

Por cada quilo de vidro entregado, os participantes obtiñan unha papeleta que lles daba acceso a miles de premios. En total, repartíronse esa mesma noite 3.000 invitacións para o Aquapark de Cerceda, 100 mini iglús e outros regalos directos, e quedaba pendente a entrega de 10 bicicletas que se sortearon durante a festa e que esta mesma mañá entregou a directora xeral de Calidade Ambiental acompañada polo xerente en Galicia de Ecovidrio, Germán Fernández.

Ferreira lembrou que o San Xoán deixa cada ano nas praias da Coruña centos de toneladas de lixo e unha imaxe pouco desexable da cidade, polo que con este tipo de campañas perséguese un triplo obxectivo: protexer a biodiversidade e os recursos hídricos, áreos e o solo; sensibilizar aos participantes; e reutilizar os residuos xerados.

Verdear é a actitude
A Consellería de Medio Ambiente presentou antes do verán a iniciativa Verdear é a actitude, coa que se pretende mellorar o comportamento ambiental dos galegos a través de accións de concienciación, convertendo os seus xestos e esforzos en hábitos e costumes sustentables que -a súa vez- sexan unha resposta á mitigación dos efectos do cambio climático.

Un dos focos de atención desta iniciativa son, precisamente, os eventos sustentables. O obxectivo é integrar a filosofía da sustentabilidade na planificación e organización deste tipo de festexos de gran proxección en Galicia, cos que se implantarán hábitos de produción e consumo responsables tanto das empresas como de patrocinadores, voluntarios e público.

Neste sentido, a Consellería de Medio Ambiente ten previsto ao longo do verán máis accións dirixidas a fomentar a sustentabilidade dos festivais, eventos e feiras gastronómicas de Galicia, como a Festa do Albariño, que se celebra estes días en Cambados, ou o San Froilán, en Lugo.

Con este tipo de accións, minimízanse os impactos sobre a xestión dos residuos. Así, ao tratarse de eventos que xeran grandes cantidades de desperdicios (plásticos, vidro, papel, materia orgánica, aceites…) inclúense medidas destinadas a fomentar a prevención, reutilización e separación; o aforro dos recursos, con medidas como o aproveitamento das horas de luz e os espazos abertos; o acceso a pé, en bicicleta ou en coche compartido, para reducir as emisións de CO2; así como a aposta polos alimentos de produción local.